2018-M, un ollo na esperanza e outro no abismo

O centro de Vigo, a rebordar no serán do 8M do 2018 CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

"É o máis machista que se pode facer". A finais de febreiro de 2018 o movemento feminista galego, igual que noutros puntos do Estado e do mundo, fervía ás portas dunha data que prevía como histórica. O 8 de marzo ía ser unha xornada de reivindicación da igualdade, como cada, ano, pero tamén un día de folga feminista. Mentres organizacións como a Marcha Mundial das Mulleres ou a Plataforma Feminista Galega, pero tamén sindicatos, formacións políticas e multitude de colectivos locais preparaban para lanzar un berro común, nalgúns círculos de poder a convocatoría líase a medio camiño entre a desconfianza e a hilaridade. E pasoulles por riba.

As rúas a rebordar daquel histórico 8 de marzo son imprescindibles para entender o 2018; o feminismo como vento de esperanza mentres en moitos lugares do mundo sopran refachos de regresión

As rúas a rebordar no mediodía e no serán daquel histórico 8 de marzo son xa, inevitablemente, imaxes imprescindibles para entender o acontecido no 2018 que queda atrás. O feminismo como gran forza mobilizadora e de progreso social. Un vento de esperanza que sopra mentres en moitos lugares do mundo se fan fortes os refachos dunha vaga ben distinta. O abismo da regresión da man da extrema dereita. De Trump ou Bolsonaro en América á extrema dereita tocando poder en Andalucía co aparentemente inesperado tripartito xunto ao PP e Ciudadanos.

Mobilización feminista do 8M en Ourense Dominio Público PFG

O home previsible semellou non ver vir a acumulación de gases tóxicos no seu partido e acabou pagando politicamente por el e por todos os compañeiros

De esperanza, precisamente, falouse fugazmente na política institucional durante o ano que remata cando, ás portas do verán, o estourido da sentenza do caso Gürtel levou por diante o Goberno de Mariano Rajoy en España. O home previsible semellou non ver vir a acumulación de gases tóxicos no seu partido dende décadas atrás e acabou pagando politicamente por el e por todos os seus compañeiros. Tamén por Aznar, indisimulado padriño da nova extrema dereita auto presentada como desacomplexada, tamén do novo-vello PP.

O PSOE de Pedro Sánchez chegou ao Goberno central tecendo as alianzas que afirmara como imposibles apenas dous anos antes. Con Podemos e as súas confluencias, pero tamén cos votos dos grupos soberanistas cataláns. Porque Catalunya é, sen dúbida, o outro gran compás da política do Estado un ano despois do referendo do 1-O e ás portas do transcendental xuízo aos líderes independentistas encarcerados.

O presidente galego semellou estar a piques de marchar

Como en gran parte dos fenómenos políticos estatais dos últimos tempos, o primeiro efecto da remuda no palacio de La Moncloa chegou a Galicia coa forma de repercusión colateral. Caeu Rajoy e os focos viraron cara a Alberto Núñez Feijóo. Un novo capítulo da case eterna serie Feijóo cara a Madrid, iniciada practicamente no primeiro minuto da súa chegada ao poder en Galicia naquel xa afastado ano 2009. O presidente galego semellou estar a punto de marchar. O PPdeG mesmo construíu unha escenografía que semellaba destinada para tal anuncio. Pero acabou anunciando o contrario e engrosando, cando menos aparentemente, as ringleiras da tropa do novo líder, Pablo Casado. Do seica herdeiro de Aznar.

Rajoy dá os parabéns a Sánchez tras o triunfo da moción de censura Dominio Público PSOE

O falecemento dun paciente no PAC da Estrada sen atención médica prendeu todas as alarmas

As cábalas e especulacións sobre o futuro de Feijóo foron a música ambiental da política galega mentres no país de alén dos despachos oficiais e do escaso impulso político do Goberno, varios conflitos permanecían ou mesmo rexurdían. É o caso da sanidade, onde o falecemento dun paciente no PAC da Estrada sen atención médica nos primeiros días de agosto prendeu todas as alarmas. Mesmo na Xunta, que viu como amplos sectores do Sergas volvían poñerse en pé de guerra social e laboral. A gravidade da situación mesmo deu lugar a un episodio practicamente inédito na última década en Galicia: a unidade de toda a esquerda parlamentaria

Esa unidade das forzas da oposición reproduciuse tamén á hora de esixir contas ao Goberno a respecto das protestas do persoal dos medios públicos de comunicación. Dende o mes de maio o movemento Defende a Galega logrou inserir na axenda política galega -non así na mediática das grandes cabeceiras- a súa reivindicación a prol da pluralidade na CRTVG e en esixencia do cumprimento da lei dos medios públicos.

Manifestación contra a reforma sanitaria, o 4 de febreiro CC-BY-NC GZ Foto

Así e todo, a esquerda galega tampouco fallou no seu costume de desencadear algunha crise interna nunha ou varias das súas pólas en momentos de dificultades do PP en Galicia. Desta volta, en plena vaga expansiva da moción de censura que tombou a Rajoy o epicentro dos movementos sísmicos estivo no seo de En Marea, que remata o ano ensimesmada nas turbulencias derivadas das súas últimas eleccións internas, nas que se venceu a candidatura liderada polo seu actual voceiro, Luís Villares. 

Ás portas das transcendentais municipais a esquerda galega no fallou no costume de desencadear unha crise en momentos de dificultades para o PP; desta volta, o epicentro dos movementos sísmicos está no seo de En Marea

Mentres, neste caso o panorama está relativamente máis despexado no PSdeG, onde Gonzalo Caballero xa é candidato á Xunta con dous anos de antelación. Tamén no BNG, que tras un dos períodos máis convulsos da súa historia vive un período de placidez interna e mesmo de esperanza, con Ana Pontón consolidada no liderado.

Todos eles ollan xa, en crise ou en calma, cara ás transcendentais eleccions municipais do vindeiro maio. Feijóo ten claro que vai facer todo o que estea na súa man para restar poder local á triunfante esquerda de 2015. Algúns episodios, a xeito de tráiler, permiten avanzar como será a película da campaña.

Caballero (PSdeG), Villares (En Marea) e Ana Pontón (BNG), nunha manifestación do persoal da CRTVG CC-BY-SA Praza Pública

O país seguiu sen respostas para problemas clave no seu futuro como a profundísima crise demográfica

Estes e outros acontecementos políticos e sociais marcaron o ritmo dun 2018 no que Galicia seguiu sen apenas respostas para problemas clave no seu futuro como a profundísima crise demográfica ou, no eido laboral e produtivo, a necesidade dun cambio de modelo en industrias que, cada vez máis recorrentemente, amosan ás claras mostras do seu esgotamento. Cando menos, tal e como as coñecemos ata agora. Lenta, como a evolución neses eidos, é tamén a obtención de respostas a respecto do accidente de Angrois, cuxas vítimas seguen a loitar en todas as frontes cinco anos despois do sinistro.

O ano no que o país tivo que despedirse de figuras como Xabier P. Docampo, Ernesto Chao ou Domingos Merino foi tamén o da inquietude polo futuro do patrimonio da emigración galega na Arxentina, de onde chegou A derradeira leición do mestre de Castelao lembrando, malia todo, as débedas pendentes da sociedade coas persoas represaliadas e asasinadas polos golpistas de 1936 e pola ditadura que derivou daquela insurrección. Son sobre todo débedas humanas e políticas, intanxibles, pero tamén materiais. Así o lembra o contencioso aínda aberto por bens como o Pazo de Meirás ou as esculturas do Mestre Mateo.

O país despídese así, cun ollo na esperanza e outro no abismo, dun ano que neste xornal foi de mudanzas. Dixemos adeus ao deseño que acompañou os primeiros seis anos de Praza.gal e recibimos cunha aperta a Vinte, a nosa nova revista de sociedade, cultura e tendencias. Queda un mundo por contar e un país dende o que facelo. Niso andaremos. 2019, con ben veñas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.