A xustiza sentencia que o persoal xubilado das caixas non coñecía as preferentes mellor que o resto da poboación

Sede central da desaparecida Caixanova en Vigo CC-BY-SA Dantadd

“A circunstancia de que fose na súa vida profesional bancario da entidade demandada, noutra actividade diferente da venda deste produto, non determina per se a presunción dun maior coñecemento sobre as características do produto”. Así se pronuncia a Audiencia Provincial de Pontevedra nunha sentenza que obriga a Abanca a devolver parte dos cartos que perdera en participacións preferentes un antigo empregado de Caixa de Pontevedra. 

A Audiencia de Pontevedra revoga a sentenza na que o xulgado de primeira instancia rexeitara devolver os cartos ao ancián das preferentes que lle colocara Caixanova porque traballara na desaparecida Caixa de Pontevedra

Nunha sentenza previa un xulgado de primeira instancia rexeitara a demanda do afectado argumentando que tanto el como a súa esposa “tiveron que coñecer o engano na subscrición das obrigas subordinadas desde 2004, máxime resultando ser un deles empregado da entidade”, pero agora a Audiencia rexeita ese argumento e di que iso non implica coñecer as características dun produto tan complexo. No momento da operación o home, nado 1937, tiña 67 anos.

A diario xulgados de diversas instancias seguen a emitir sentenzas condenando as entidades bancarias a devolver a clientes cartos perdidos pola compra de participacións preferentes ou subordinadas. No caso de Abanca, son as emitidas polas antigas caixas de aforros galegas das que é herdeira.

Na maioría dos casos, os xuíces consideran que as caixas non informaran como debían aos clientes do risco que tiñan eses produtos complexos, pero nalgúns casos hai sentenzas que consideran que o afectado tiña coñecementos suficientes e rexeita que se lle devolvan os cartos. Iso foi o que pasou en primeira instancia neste caso, pero agora a Audiencia de Pontevedra revoga aquela resolución e dá a razón ao afectado. 

Fragmento da sentenza CC-BY-SA Praza Pública

A nova sentenza constata que o home foi enganado de que o departamento no que traballara nada tiña que ver con produtos como as preferentes

A sentenza agora emitida di que o feito de que o afectado traballase no pasado para Caixa de Pontevedra, posteriormente integrada en Caixanova, non implica que coñecese o funcionamento das participacións subordinadas. "Xa estaba xubilado cando as subscribiu" en 2004 e traballara nun departamento, o de transferencias, que nada tiña que ver con ese tipo de produtos. 

“Se xa os empregados da entidade que levaban a venda de obrigacións subordinadas descoñecían as características reais que implicaban, moito menos polas circunstancias dos actores cabe colixir que debera saber [...] o engano ao que fora sometido”, engade a nova sentenza. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.