Bea Gondar demanda unha cafetaría por ver o seu nome relacionado co narcotráfico nunha campaña publicitaria

Momento do spot publicitario no que se fai referencia ao ex alcalde do Grove © TuCafé Coffee Córner

Alfredo Bea Gondar, ex alcalde do Grove, volve aos tribunais para esixir unha indemnización por ver o seu nome relacionado co narcotráfico. En xaneiro do pasado ano Bea Gondar demandou o xornalista Nacho Carretero polas informacións contidas en Fariña, esixindo unha compensación económica por un suposto delito contra a súa honra. O ex rexedor conseguíu mesmo que o xulgado secuestrase a edición do libro. Porén, finalmente, o tribunal desestimou a demanda e obrigou a Bea Gondar a pagar as custas do xuízo.

Agora, Bea Gondar volve aos tribunais para denunciar a un tostadeiro e distribuidor de café con cafetarías en Vilagarcía de Arousa e Pontevedra (TUCAFÉ Coffee Corner) por unha campaña publicitaria realizada o pasado mes de marzo. A campaña, con continuos dobres sentidos entre o café de Colombia e o narcotráfico, incluía unha referencia ao ex alcalde do Grove: “Este 3 % está reservado para Bea, para que no me denuncie como a los del libro ‘Fariña’”.

A cafetería levou a cabo un reparto gratuíto de paquetes de café en Pontevedra © TuCafé Coffee Córner

O ex rexedor esixe unha indemnización de 50.000 euros

Bea Gondar presentou una demanda contra o empresario arousán propietario de TUCAFÉ, acusándoo de delitos de vulneración do seu dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe e esixíndolle unha indemnización de 50.000 euros. A denuncia presentouna de novo, ao igual que na primeira demanda contra o autor de Fariña, no xulgado de Collado Villalba (Madrid). Bea Gondar tamén esixe que “se ordee a publicación da sentenza a custa do demandado en, cando menos, dous medios de  prensa escrita, dous medios de prensa radiofónica, dous medios de prensa dixital e outros dous de prensa audiovisual. Todos eles de difusión nacional”. 

O tribunal tramitou xa a causa e citará ao empresario nas vindeiras semanas para un xuízo ordinario. O propietario de TUCAFÉ non quixo facer declaracións, indicando simplemente que "traballaremos para demostrarlle a este señor que está profundamente trabucado”.

A cafetería organizou unha poxa dos derradeiros 'fardos' de café para recadar fondos para ONGs locais © TuCafé Coffee Córner

A campaña publicitaria

A campaña de TUCAFÉ acompañábase do lema O mellor de Colombia entra por aquí

A campaña de TUCAFÉ acompañábase do lema O mellor de Colombia entra por aquí, unha mensaxe que mesmo difundiu hai meses cun gran valado publicitario colocado en Vilagarcía de Arousa. Ademais, o pasado mes de marzo levou a cabo unha distribución gratuíta de paquetes de café nos seus establecementos. Os paquetes estaban customizados como se fosen fardos de cocaína (dun xeito semellante á edición de Fariña en castelán) e calquera podía recollelo no exterior das tendas, onde se podía ver tamén un cartel coa citada referencia a Bea Gondar e ao secuestro do libro. Ademais, publicouse un vídeo que simulaba unha descarga de fardos (de café) e que se achega xa ás 14 mil visualizacións.

O reparto tivo un éxito absoluto e TUCAFÉ decidiu iniciar unha poxa solidaria para distribuír os últimos paquetes

O reparto tivo un éxito absoluto e TUCAFÉ decidiu iniciar unha poxa para distribuír os últimos paquetes, indicando que os beneficios irían destinados a varias ONGs pontevedresas, obtendo un total de 535 euros para esta causa. Coa denuncia presentada polo ex-alcalde do Grove, a campaña recupera protagonismo no que xa parece un novo exemplo de Efecto Streisand.

Bea Gondar foi condenado pola Audiencia Nacional por un delito de branqueo de capital procedente do narcotráfico, do que logo foi absolto polo Supremo

 

A condena e absolución de Bea Gondar

En 2005 Alfredo Bea Gondar foi condenado a catro anos de cadea pola Audiencia Nacional por un delito de branqueo de capital procedente do narcotráfico, do que logo foi absolto polo Tribunal Supremo. O político fora relacionado cun alixo de 2.000 quilos de cocaína supostamente desembarcada en Cambados en 1990. Porén, o Supremo advertiu que a condena estivera baseada no testemuño do arrepentido Fernández Veiga sen ter realizado as comprobacións básicas, ademais de haber imprecisións no relato dos feitos probados por parte da Audiencia Nacional. Xa que logo, un defecto de forma deixou libre a Bea Gondar, que mesmo fora elixido rexedor aos poucos días de ser detido por orde do xuíz Baltasar Garzón, en 1991.

Valado publicitario colocado hai meses pola cafetería arousá © TuCafé Coffee Córner

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.