Os fogares onde o único ingreso son prestacións públicas diminúen en catro das sete cidades galegas

Edificios no centro de Ourense, cidade na que máis aumentaron os fogares no que o 100% de ingresos son prestacións © Concello de Ourense

En Galicia hai un total de 334.366 fogares, segundo os datos máis recentes datados en 2017, nos que o 100% dos seus ingresos proceden de prestacións públicas, xa sexan contributivas como as pensións de xubilación ou o desemprego ou non contributivas, caso dos subsidios a persoas que xa esgotaron 'o paro', a renda de inclusión social ou as rendas sociais municipais alí onde existen. O incremento deste indicador, que atinxe a tres de cada dez fogares galegos, adoita ser sinónimo de envellecemento da poboación e desemprego, pero tamén de cobertura pública de necesidades sociais.

Santiago é a cidade na que máis diminuíron dende 2015 os fogares que só ingresan prestacións públicas e Ourense é o concello urbano onde máis aumentaron

Segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE) case un terzo dos fogares que só teñen ingresos por prestacións sitúanse nas sete principais. No ecuador do mandato municipal iniciado en 2015 e que está a piques de rematar o número de fogares nesta situación minguara en catro delas e aumentara nas outras tres. 

A maior diminución rexistrárase en Santiago, con case un 35% menos, pasando de 9.148 a 5.967. Preto do 30% está tamén a diminución en Pontevedra, onde 6.936 fogares só ingresan prestacións. Aínda que cunha menor intensidade, tamén se reduciu o número de fogares con todos os seus ingresos pola vía das prestacións en Vigo con 31.923 fogares nesta situación (-12,6%) e Lugo, onde a diminución foi do 11,9% (9.650 fogares).

Este indicador adoita ser sinónimo de envellecemento e desemprego, pero tamén de cobertura pública de necesidades sociais

Na banda contraria están os concellos onde aumentaron os fogares onde os ingresos son só prestacións públicas. En Ferrol avanzaron un 5,6%, ata os 12.157, e na Coruña fixérono un 6,3%, chegando aos 29.082. En Ourense o incremento foi moito maior, pasando de 11.563 fogares que só percibían prestacións no ano 2015 a 13.838 en 2017, case un 20% máis.

Tanto antes do inicio da crise como na actualidade Ferrol é a cidade con maior porcentaxe de fogares que só ingresan prestacións e Santiago, a urbe coa menor proporción

Malia estas variacións dos últimos anos hai un indicador que tende ser unha constante: a cidade na que maior proporción de fogares só ingresan prestacións públicas segue a ser Ferrol, cun 42,1% do total en 2017, tres puntos máis que en 2015 e uns once máis que ao comezo do anterior mandato municipal, en 2011. En 2017 a segunda cidade con maior volume de fogares nesta situación era Ourense, chegando a un terzo do total, e a menos atinxida por este fenómeno era Santiago, con algo menos do 16%.

Esta orde de cidades no relativo á incidencia dos fogares que só ingresan prestacións era moi semellante no comezo do mandato municipal que cadrou co estourido da crise económica, o que transcorreu de 2007 a 2011. Daquela a cidade con maior porcentaxe de fogares que só ingresaban prestacións tamén era Ferrol, aínda que con apenas o 31%, once puntos menos que en 2017. A menor porcentaxe rexistrábase tamén en Santiago, pero con 1,4 puntos máis que na actualidade.

Os datos divulgados a finais de 2018 polo IGE sinalan tamén que no último trienio o traballo por conta allea volveu, non obstante, a ser a fonte de ingresos maioritaria no conxunto de Galicia, cun 51,02% sobre o total dos ingresos dos fogares do país. Son, non obstante, uns seis puntos menos que hai unha década. Mentres, o peso das prestacións aumentou no mesmo período, pasando do 27,43% ao 35,88% do diñeiro ingresado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.