Os nacementos caeron un 12% dende a entrada en vigor do cheque-bebé da Xunta

Número de nacementos en Galicia por semestre na última década CC-BY-SA Praza Pública

Continúa a sangría demográfica en Galicia. O primeiro semestre do ano rexistrou a cifra máis baixa de nacementos dende que hai datos, segundo as cifras publicadas este martes polo INE. Exactamente 8.312, cincocentos menos que no mesmo período do pasado ano e, por exemplo, tres mil menos que hai unha década. O 2017 foi o ano con menos nacementos da historia de Galicia e o 2018 vai camiño de empeorar eses datos.

O primeiro semestre do ano rexistrou a cifra máis baixa de nacementos dende que hai datos

No primeiro semestre houbo, ademais, 17.447 falecementos, case mil máis que un ano antes. Isto deixou o saldo vexetativo en -9.135, a perda máis importante das últimas decadas. 

A finais de 2015 e nos primeiros meses de 2016 o Goberno galego puxo en marcha un conxunto de medidas que buscaban fomentar a natalidade (cheque-bebé e tarxeta-benvida). Porén, esas accións semellan non ter producido efecto ningún. De feito, dende entón o número de nacementos caeu un 12%, dende os 9.513 que houbo no primeiro semestre de 2015.

O grupo de idade no que é máis habitual que as mulleres teñan fillos é xa o que se sitúa entre 35 e 39 anos

O INE publicou tamén os datos definitivos correspondentes a 2017, semellantes aos xa anticipados hai meses nas cifras provisionais. Neles pódese observar algunhas características sobre os nacementos que se rexistran en Galicia, onde os nacementos de nai estranxeira supoñen o 8% do total, unha proporción moi superior á porcentaxe de habitantes doutros países.

Ademais, confírmase a tendencia que se vén dando nos últimos anos, cun incremento progresivo da idade media da maternidade. De feito, o grupo de idade no que é máis habitual que as mulleres teñan fillos é xa o que se sitúa entre 35 e 39 anos. Os nacementos de nai menor de 30 anos representan só o 19% do total

A maior parte de nacementos prodúcense na Galicia urbana. As sete cidades galegas concentraron o 40% dos nacementos en 2017 e as vilas entre 20.000 e 50.000 suman xa o 18%. Pola contra, os nenos e nenas nacidas nos 258 concellos de menos de 10.000 habitantes representan apenas o 24% do total. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.