Unha galega eleva á ONU unha queixa por violencia obstétrica nun parto no Sergas

Instalacións para atender partos nun hospital galego © Sergas

"Portouse moi mal", "non se merece a esa nena", "tería que quitarche á nena, porque te portaches moi mal". S. escoitou esas frases da matrona que a atendeu durante o seu parto no hospital de Cruces (Biscaia) en 2012 e que, pouco antes, lle practicara unha episiotomía (corte de pel, músculos, nervios e fascias que rodean a vaxina) non indicada a pesar da oposición da muller. Xa desde o seu ingreso no hospital, non deixaron que bebese, obrigárona a permanecer boca arriba e sen moverse e non permitiron que o pai a acompañase en todo momento. A episiotomía provocoulle incontinencia urinaria e repercusións "severas" na súa vida sexual e de parella. O seu caso é unha das catro denuncias por violencia obstétrica que unha avogada española levou ante a Comisión de Dereitos Humanos da ONU. Entre elas, a dunha galega atendida no vello Complexo Hospitalario Xeral-Calde de Lugo

A queixa dunha muller atendida no vello Xeral-Calde de Lugo é unha das catro denuncias elevadas á ONU pola avogada Francisca Fernández e o seu equipo

Os catro casos chegan ante a Comisión despois de todas as mulleres tentasen, sen éxito, buscar respostas en España. No caso de S., presentou unha denuncia ante os xulgados do penal que foi arquivada sen que se abrise unha investigación. Aínda que a Audiencia Provincial ordenou abrir unha investigación, a denuncia volveu ser arquivada. "Durante o proceso xudicial achegáronse informes periciais de xinecoloxía e obstetricia que probaban que non había ningunha necesidade clínica para cortar a vaxina da Sra. S. Tamén se achegou un informe pericial que probaba as secuelas psicolóxicas e o diagnóstico de tensión postraumática en relación cos malos tratos sufridos durante o parto. Todo o material probatorio achegado pola vítima foi ignorado", relata a avogada, Francisca Fernández, no relato presentado ante a ONU.

Un parto por cesárea CC-BY-SA Germán Tenorio

Fernández, que preparou os casos xunto ás tamén avogadas Lucía Martínez e Paloma Torres, explica que con estas denuncias ante a Comisión de Dereitos Humanos buscan o recoñecemento de que se vulneraron os dereitos destas mulleres, que estas prácticas supoñen tratos inhumanos e degradantes e que non lles deron unha resposta adecuada, tampouco xudicialmente. En última instancia, e como debulla nas súas denuncias, que España incumpriu a súa obriga de "adoptar as medidas necesarias para modificar ou abolir os costumes e prácticas vixentes que sexan discriminatorias para a muller".

Cando unha das denunciantes estaba a piques de ser trasladada ao paritorio dirixírona  a un quirófano e fixéronlle unha cesárea "por estar saturado o paritorio"

Outro dos casos é o de MD., unha muller que deu a luz en 2009 á súa filla no Hospital Virgen del Rocío de Sevilla. Alí, segundo a denuncia, cando estaban a piques de levala ao paritorio diríxena finalmente a un quirófano e practícanlle unha cesárea "por estar saturado o paritorio" e a pesar da oposición da muller. Ante a súa negativa, os médicos informan o seu marido de que vai ser operada, aínda sen contar co consentimento informado da paciente. "As gráficas de monitorización fetal mostraban que o bebé estaba ben en todo momento. Tras a cesárea, privárona de analxesia para a dor postoperatoria, a pesar dos rogos da paciente", conta a denuncia, algo que, sinala, "non se xustifica medicamente" porque a analxesia está protocolizada neses casos.

Médicos estudantes ou residentes  -"non expertos"- tentaron poñerlle a epidural até dez veces, nove delas erradas: "O catéter tivo que ser reinsertado na columna varias veces: un proceso que normalmente non leva máis de dez minutos prolongouse durante unha hora. Como consecuencia deses picazos quedou unha lesión chamada 'hiporreflexia osteotendinosa bilateral en membros inferiores e claudicación en posición de bipedestación en talóns e no bico dos pés de probable orixe medular radicular'".

"Non pode coidar da súa filla e é totalmente dependente de terceiras persoas para desenvolverse na súa vida cotiá"

A muller tivo que facer "multitude de probas diagnósticas" nos últimos anos e seguir varios tratamentos en neuroloxía ou rehabilitación. Sofre unha "lesión neuropática, debilidade xeneralizada, anemia, insomnio e ansiedade". "Non pode coidar da súa filla e é totalmente dependente de terceiras persoas para desenvolverse na súa vida cotiá", apuntan. Tras anos de procedementos administrativos e xudiciais, non conseguiu resposta ningunha. A avogada subliña que neste caso pasaron por alto as garantías sobre o consentimento informado aos pacientes, "dando por boa a información prestada ao marido".

Vista do antigo hospital Xeral de Lugo, co pavillón Materno-Infantil na parte esquerda da imaxe © Google Maps

A Comisión de Dereitos Humanos da ONU analizará agora os casos e podería ditar unha resolución cunha declaración sobre os feitos. "Están a chegar casos similares doutros países. Buscamos o recoñecemento de que se están incumprindo obrigas legais. O Estado deu o visto e prace á estratexia ao parto normal no Sistema Nacional de Saúde, pero despois non se aplica", di Fernández. A avogada menciona tamén a Lei de Autonomía do Paciente, o Convenio para a Eliminación de todas as formas de Discriminación contra a Muller (CEDAW) ou as declaracións da Organización Mundial da Saúde (OMS) sobre a prevención e erradicación das faltas de respecto e malos tratos durante a atención ao parto. O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, di, recoñeceu o dereito das mulleres "a decidir con autonomía" durante o embarazo, o parto e o puerperio.

No vello Xeral-Calde de Lugo

A avogada asegura que a muller foi ingresada prematuramente no hospital lucense, onde lle "provocaron unha infección con febre intraparto" e a necesidade de administrar antibióticos á bebé cando naceu

Outra das que queixas é a de F, que en 2009 acudiu ao Complexo Hospitalario Xeral-Calde de Lugo -remudado en 2011 polo actual Hospital Lucus Augusti- con contraccións e por precaución. A avogada asegura que a ingresaron "prematuramente" e lle realizaron até nove tactos vaxinais, "provocándolle unha infección con febre intraparto e a necesidade de administrar antibióticos e ingresar á súa filla en neonatos ao nacer". No seu relato, falan da administración de medicación "sen necesidade clínica e sen solicitar o seu consentimento" e de que o persoal a obrigou a parir tombada, subida a un poldro. A F tamén lle practicaron unha episitomía, e o seu parto derivou en "hipotonía do chan pélvico con retracción da cicatriz" e vaxinismo que requiriu tratamento de fisioterapia.

Tamén acode á ONU unha muller á que se identifica como Sra. NAE, que relata unha "cesárea innecesaria" no hospital público de Donostia. Na súa queixa, a muller subliña a falta de explicacións e de atención ás súas necesidades. "Puxéronme na mesa de operacións coma se fose unha boneca. Ninguén se presenta. ninguén me fala, ninguén me mira á cara. Ninguén se preocupa en tentar acougarme. Choro moito. Puxéronme os brazos en cruz. [...] Un médico que fai de titor vai guiando todos os pasos (información que preferiría non ouvir), de quen me operan, vailles dicindo como deben cortar e que están a cortar e movendo... O anestesista é a única persoa que nalgún momento diríxese a min e tenta tranquilizarme. Abanéanme", relata ela mesma.

Unha nai dá o peito ao seu bebé CC-BY-NC-SA Anton Nossik

Semanas despois, a muller foi diagnosticada de tensión postraumática

Ao nacer, e antes de levar ao bebé, ensínanllo "pero non pode acariñalo porque lle ataran os brazos en cruz para a operación e deixárana así". A denuncia inclúe que o seu marido non foi informado de que ela saíra de quirófano e non lle permitiron estar acompañada por el nas seguintes horas. Semanas despois, a muller é diagnosticada de tensión postraumática no seu centro saúde e prescríbenlle tratamento ansiolítico.

Presenta unha reclamación de responsabilidade patrimonial fronte ao servizo de saúde cun informe pericial de obstetricia que revela "mala praxe" e a existencia de "alternativas terapéuticas que non se puxeron á súa disposición e que poderían aforrarlle a cesárea".

"Parece que nos poden cortar os xenitais e que iso o salva todo; que somos seres caprichosos por querer evitar que iso suceda"

A avogada Francisca Fernández cre que estes casos mostran até que punto se permiten "actitudes discriminatorias, malos tratos durante o parto  e outras formas de violencia obstétrica baseadas en estereotipos de xénero tales como antepoñer a función reprodutiva da muller, a súa infantilización ou a súa percepción como incapaz de tomar decisións sobre a súa saúde e o seu corpo". "Parece que se non nos sometemos a todo o que nos di o médico imos expoñer aos nosos fillos. Parece que nos poden cortar os xenitais e que iso o salva todo e que somos seres caprichosos por querer evitar que iso suceda e esixir información e alternativas".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.