Xunta e Goberno central preparan medidas para controlar as 136 casas de apostas abertas en Galicia

Sede central de Codere, en Madrid CC-BY-SA Luis García

Os galegos perderon 28 millóns de euros nas salas e máquinas de apostas no ano 2016

Os galegos perderon 28 millóns de euros nas salas e máquinas de apostas no ano 2016 (últimos datos dispoñibles, ofrecidos polo Ministerio de Facenda). En concreto, xogaron uns 134 millóns de euros e obtiveron uns premios duns 106 millóns. O crecemento dende o 2015, cando se apostaran 108 millóns e se perderan uns 22 millóns foi duns 23 millóns.

Nestes datos non entran os cartos apostados a través de Internet, que nese ano 2016 se elevaran ata os 11.000 millóns de euros en todo o Estado Español. E cómpre ter en conta que o crecemento das apostas foi aínda maior no ano 2017 (aínda sen datos por comunidades autónomas) e 2018. O diñeiro xogado en apostas no ano 2017 en España foi un 31% superior ao do ano 2016.

Ese incremento foi parello á expansión das casas de apostas e á multiplicación das máquinas de apostas nos bares. Hoxe, dous anos despois, hai un total de 136 salóns de apostas en Galicia e 3.171 terminais en locais de hostalaría e outros 682 nas propias tendas e salóns de apostas. Desas 3.853 máquinas, a maior parte localízanse nas provincias da Coruña (1.390) e Pontevedra (1.321); detrás aparece Ourense (665) e Lugo (477).

Hai un total de 136 salóns de apostas en Galicia e 3.853 terminais, a maior parte en locais de hostalaría

O regulamento de apostas aprobado pola Xunta no ano 2012 fixaba un número máximo de 2000 máquinas de apostas en bares e cafetarías. Porén, no ano 2017 o Goberno galego elevou ese límite ata as 3.600 máquinas, unha cifra que está preto de acadarse.

En canto ás tendas e salóns de apostas, estas concéntranse sobre todo nas grandes cidades, comezando pola Coruña (24) e Vigo (22). Ourense (10), Compostela (7), Pontevedra (6), Lugo (6) e Ferrol (5) suman cifras importantes, igualmente. Pero tamén se reproducen en vilas de tamaño medio como Vilagarcía (4), Verín (3), Ribeira (3) e noutros centro comarcais.

Os propietarios dos bares deberán activar os terminais de apostas cada vez que alguén queira xogar, como pasa coas máquinas de tabaco

Entidades como a Asociación Galega de Xogadores de Azar (AGAJA) levan tempo denunciando a expansión destas casas de apostas e esixindo das autoridades maiores reguacións, sobre todo para protexer ás novas xeracións. De feito, a última memoria anual publicada pola Dirección Xeral de Ordenación do Xogo revela que o 52% das novas altas no rexistro de autoprohibición (unha base de datos que impide xogar ás persoas con ludomanía) correspondía a persoas de menos de 35 anos. O 82%, ademais, eran homes.

A Xunta de Galicia vén de anunciar algunhas medidas que quere incorporar á nova Lei do Xogo, que está en preparación e que debe actualizar a vixente norma, de 1985. Entre outras cousas, proporá prohibirlle ás casas de apostas que ofrezan bonos de benvida para captar clientes. 

Outro dos cambios lexislativos refírese aos terminais de apostas instalados nos bares e nos que -como denuncia Xan Lamas (AGAJA)- o control do acceso de menores de idade é mínimo na actualidade. A nova Lei do Xogo, que A Xunta espera aprobar a finais deste ano, imporá un sistema semellante ao que existe para as máquinas de tabaco: o propietario ou poropietaria do bar deberá activar a máquina cada vez que alguén queira xogar, polo que será responsabilidade súa comprobar a maioría de idade dos xogadores.

Para xogar máis de 150 euros en Internet, haberá que pasar por un proceso de rexistro máis esixente, enviando unha copia do DNI ou unha pegada dactilar

As competencias da Xunta non abranguen o xogo en Internet nin a publicidade das apostas, dous aspectos nos que si incidirán algunhas medidas de control que está a preparar o Goberno Central. O acordo acadado entre o PSOE, Unidos Podemos e as confluencias aposta por restrinxir a publicidade das apostas en determinados horarios infantiles e impedir que persoas "con influencia social" aparezan nos anuncios.

Ademais, inclúe accións para regular o xogo online. Ata agora é necesario introducir un número de DNI para rexistrarse, unha control que podía ser doadamente eludido por un menor, que só tiña que apuntar o do seu pai, por exemplo. A partir de agora, cando se queiran xogar grandes cantidades de diñeiro (máis de 150 euros) introduciranse nomas medidas, dende el envío de documentos dixitalizados ata a comprobación dos datos biométricos dos xogadores: a pegada dactilar ou o recoñecemento facial, para cotexalo cos que aparecen no documento de identidade.

Un salón de apostas de Comar-Codere en Galicia © Comar

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.