A eurocidade de Tui e Valença acolle unhas xornadas de debate sobre as fronteiras

A fronteira entre Galicia e Portugal tivo na ponte de ferro sobre o Miño un dos seus símbolos Dominio Público Praza Pública

As cidades de Valença do Minho e Tui acollerán este xoves, venres e sábado unha reunión de expertos universitarios en Comunicación e Desenvolvemento, con especial atención ás rexións fronteirizas, que será inaugurada por Jorge Salgueiro Méndes e Moisés Rodrígues, alcaldes da recentemente formada Eurocidade Tui/Valença.

Na primeira das intervencións, na biblioteca municipal de Valença, o secretario técnico do Proxecto Eurocidade Chaves/Verín, Pablo Rivera, achegará a experiencia da primeira Eurocidade constituída entre Galiza e o Norte de Portugal, constituída en 2007. A sesión do xoves concluirá cunha mesa moderada por Enrique Varela, director do servizo de estudos e publicacións do Eixo Atlántico. Nesta mesa, distintos axentes sociais de Tui e de Valença presentarán experiencias de cooperación transfronteiriza que xa funcionaban antes da creación da Eurocidade, como o traballo dos Bombeiros Voluntários de Valença, que prestan servizo a toda a comarca, as iniciativas no ámbito deportivo ou cultural, ou no campo do comercio.

As sesións de venres e sábado terán lugar no Teatro Área Panorámica de Tui, e reunirán a expertos da Península Ibérica e de América Latina para a posta en común de distintos proxectos de investigación sobre as potencialidades das rexións fronteirizas no desenvolvemento das comunidades. Deste xeito, na xornada do venres 25 á mañá intervirán Xerardo Pereiro, do polo de Chaves da Universidade de Trâs os Montes e Alto Douro, especializado en dinámicas de desenvolvemento territorial, cunha atención especial na fronteira galego-portuguesa. Compartirá mesa co economista Xulio Pardellas, da Universidade de Vigo, autor do libro Estratexias turísticas das cidades do Eixo Atlántico, e con Roberto Mansilla, investigador do IGADI.

Outra das sesións do venres amosará distintas experiencias de investigación e acción en comunidades fronteirizas de América Latina

Outra das sesións do venres amosará distintas experiencias de investigación e acción en comunidades fronteirizas de América Latina, como o proxecto de Las Segovias (Nicaragua), ou a Facultad Latinamericana de Ciencias Sociales de Quito (Ecuador), así como a experiencia das rexións fronteirizas de Bolivia.

As xornadas están organizadas pola Rede Europa América Latina de Comunicación e Desenvolvemento (REAL_CODE), constituída por 15 grupos de investigación de universidades galegas, portuguesas, de Europa e América Latina, co obxectivo de tecer lazos de colaboración internacional entre estudosos das áreas da Comunicación e Desenvolvemento, e ao mesmo tempo achegar a actividade investigadora á sociedade para contribuír á súa mellora.

  • Programa das xornadas (.pdf)
A fronteira entre Galicia e Portugal tivo na ponte de ferro sobre o Miño un dos seus símbolos Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.