A escavación da sauna castrexa de Castañoso pon ao descuberto o seu valor

Estado da sauna en 2011, antes do inicio dos traballos de recuperación © Monte da Esculca

En 2011 unha entrada no blog Capítulo 0, de Manuel Gago, amosou a existencia dunha sauna castrexa no Castañoso, na Fonsagrada. O monumento, nun lugar moi illado, conservaba a súa estrutura -mesmo unha parte importante da súa bóveda- de maneira excepcional, aínda que o seu estado de abandono facía perigar este valioso elemento patrimonial, con máis de vinte séculos de historia. Catro anos despois, tanto a Dirección Xeral de Patrimonio coma o Concello de Fonsagrada iniciaron traballos de escavación e de recuperación desta sauna castrexa, que están sen do realizados polo equipo de arqueólogos de Terra Arqueos. Un novo vídeo, realizado pola rede Consiliencia, que aglutina grupos de investigación da USC e da UDC, amosa a importancia deste monumento e permite observar o traballo realizado ata o momento.

Como explica no vídeo o catedrático da USC Marco García Quintela, este tipo de saunas son relativamente habituais no norte da Península Ibérica, atopándose varios exemplos dende o País Vasco a Asturias, e tamén no norte de Portugal. En Galicia hai poucos exemplos destas construcións e a do Castañoso resulta especialmente valiosa polo seu fenomenal estado de conservación, beneficiado polo seu illamento e polo seu uso como curripa para a maduración das castañas, de xeito que nalgún momento foi construído un muro exterior que axudou a soster a bóveda.

Manuel Gago salienta a importancia desta construción "única e moi valiosa" que axuda a comprender "o imaxinario, a relixión e a cultura dos galaicos"

A excavación puxo ao descuberto a estrutura completa do edificio, coas súas distintas estancias, e mesmo pedras formosas que daban entrada ao espazo de sauna a través dun pequeno oco. Unha sauna que moi probablemente tiña un uso e unha finalidade cultural ou ritual. Manuel Gago destaca no seu blog que "a sauna de Castañoso permítenos achegar á dimensión espiritual destes monumentos: a sensación de calor, de opresión, o chan húmido e esvaradizo, deliberadamente pulimentado, que segue aí", salientando a importancia deste achado, un edificio "único e moi valioso" que axuda a comprender "o imaxinario, a relixión e a cultura dos galaicos".

Este vídeo é, ademais, a primeira comunicación pública da rede Consiliencia, unha unión de grupos universitarios da USC e da UDC que procura o vínculo entre as diferentes disciplinas das ciencias sociais e naturais. Manuel Gago anticipa que nos vindeiros meses poderemos ver outras pezas que afondarán nos obxectivos desta rede, que busca aunar investigación académica e divulgación.

Cámara abovedada da sauna Dominio Público Capítulo 0
Os traballos de restauración puxeron ao descuberto a estrutura da sauna © Consiliencia
O catedrático Marco García Quintela e Manuel Gago, no lugar que ocupaba a sauna © Consiliencia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.