0 Gardados para despois

Os reitores galegos pídenlle a Wert que os deixe "traballar coa Xunta" sobre os recortes

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


A unión dos reitores tivo efecto. A negativa conxunta do pasado mércores de non acudir á reunión co ministro de Educación ao negarse este a falar dos recortes vén de provocar o cambio no Goberno. O propio Wert rectificou e comprometeuse a convocalos, tal e como solicitaran, e o Ministerio xa adiantou que se xuntarán nas vindeiras semanas nun Consello Extraordinario para debater sobre o polémico decreto e os axustes.

Os reitores das tres universidades galegas celebran o cambio de rumbo, pero critican con dureza “as formas” do ministro Ignacio Wert e o feito de que empregue os medios “para desprestixiar as universidades”. “Hai unha campaña orquestrada de intoxicación”, chega a dicir Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, que recalca que a única intención dos responsables das universidades era “dialogar e falar” co titular de Educación sobre os efectos do Real Decreto. “Polo menos que cumpra a lei e que nos escoite”, insiste.

"Hai unha campaña orquestrada de intoxicación contra as universidades"

Xosé Luís Armesto, reitor da Universidade da Coruña (UdC), censura tamén “a falta de diálogo, de interlocución e de intención de escoitar” do ministro. “Mentres, nos medios fala de que el si que explica as cousas e que dialoga, cando non é certo; non houbo diálogo ningún e a súa falta de disposición é total”, insiste, nunhas declaracións nas que coincide o seu homólogo na Universidade de Santiago (UdC), Juan Casares Long: “Agora recuaron, porque non lles quedou outro remedio; malia os titulares de prensa, a realidade é que os reitores tiñamos razón... Nós non somos expertos en comunicación e o ministro si, pero si somos moi competentes na materia da que tratamos”.

Porque ese é a principal crítica que os reitores galegos fan ao ministro: a negativa a falar “cos que máis saben da universidade” e o seu intento continuo “por desprestixiar as universidades desde os medios”. “Esta institución ten 800 anos e sobreponse a calquera tipo de destrución”, asegura Mato, que recorda que os reitores “teñen total lexitimidade porque son elixidos pola comunidade universitaria”. “Pensan que estamos nun mundo de fantasía, pero a realidade é que hai moitos aspectos do decreto que son inaplicables e que, de desenvolvérense, teñen que facerse cos informes preceptivos dos reitores das universidades; somos imprescindibles”, inisiste Casares, que insiste en que “así non se fan as cousas”.

"Señor Wert, conte cos reitores, igual que fixeron todos os ministros anteriores; só queremos axudar"

A petición dos tres, e de todos os reitores en España, é unánime. “Conte con nós, ao igual que fixeron todos os ministros de Educación durante os últimos 26 anos”, solicita Casares Long, que lembra que a intención única “é axudar”, ao igual que axudaron “a todos os gobernos anteriores” e ao igual que axudan e se senten “axudados” pola propia Xunta de Galicia, á que desmarcan da actitude de Wert.

Son as autonomías as que desenvolven o polémico Real Decreto. Salustiano Mato, desde Vigo, reclama “flexibilidade” por parte do Estado para que as comunidades poidan aplicar a norma co maior criterio posible e tendo en conta as características de cada territorio e os axustes realizados nos últimos anos. “Non sabemos até onde o Goberno central lle fará caso ao galego; nós vemos moitas cousas igual que a Xunta e temos un diálogo fluído propoñendo medidas que fan que os obxectivos do decreto sexan máis eficientes”, explica Mato. “Temos un equilibrio difícil e fráxil, pero a relación co goberno autonómico é de traballo diario para conseguir o mellor; que o ministro nos deixe traballar coa administración autonómica”, engade Casares, que advirte, no entanto, que moitas das competencias “xa non están na autonomía”.

E pídelle claramente a Wert: “Esíxalle a autonomía o que lle ten que esixir pero deixe que sexa ela a que arranxe o seu problema cos reitores”.  Ademais, Xosé Luís Armesto lembra tamén que “o decreto será desenvolvido pola Xunta” e destaca “o acordo” dos tres reitores coas promesas que, ata o de agora “e en tanto que sexan así”, ten manifestado a consellería de Educación en diversos temas como a mínima suba das taxas. 

Os tres reitores insisten tamén en destacar que hai varios paquetes de medidas en marcha nas universidades galegas que aplican “de forma máis eficiente que o decreto” varios dos obxectivos estatais. O plan de financiamento, a sostibilidade económica, o decreto de titulacións ou a Lei de Universidades foron instrumentos válidos para un sistema universitario galego “que se adiantou en moitos aspectos ás medidas de axuste que agora se queren impoñer”.

Para os tres reitores, as continuas palabras do ministro en contra das universidades e “a demagoxia” empregada polo propio Wert e algún medio contra os reitores non son más que “unha fuxida cara a adiante, un intento de desprestixio e un insulto á dignidade de todos eles”. “É moi fácil falar de que os reitores cobran máis que un ministro cando moitos perdemos cartos por facer esta función... Ou falar de cobro de dietas cando nin tan sequera fomos á xuntanza”, finaliza Mato, que lembra que "hai moito que facer e moito que traballar". "E para traballar entre todos, o ministro debe, polo menos, escoitarnos", remata. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.