Gañan as telecos: Europa vota contra a Neutralidade da Rede

Votación no Parlamento europeo, este martes © El Diario

Era un día importante para o futuro de Internet, pero non saíu ben. Este martes o Parlamento Europeo debateu e aprobou a famosa proposta de regulación do Mercado Único das Telecomunicacións. Foron 163 votos en contra e 500 votos a favor, a maior parte dos cales crían trabucadamente que estaban a votar para acabar co roaming. Un parlamentario do grupo verde cualificouno de "acordo sucio".

A regulación sae adiante amplamente sen as emendas propostas polos defensores da Neutralidade da Rede, incluíndo Barbara van Schewick, directora da Stanford Center for Internet and Society e Tim Berners-Lee, pai de Internet. Estas son as trampas que deixaba abertas a proposta, e que permitirán a futura discriminación de contidos e usuarios por parte das telefónicas e as empresas máis poderosas da Rede:

Aqueles que máis paguen serán considerados "servizos especializados" e terán un carril rápido. Todos os demais, desde os pequenos negocios ás universidades, circularán apretados na pista

1. "Servizos especializados"

Este é o eufemismo que lles permitirá ás provedoras crear distintas velocidades de transmisión de datos. Aqueles que máis paguen serán considerados "servizos especializados" e terán un carril rápido. Todos os demais, desde os pequenos negocios ás universidades, circularán apretados na pista.

A discriminación por servidores non só favorecerá as empresas máis podentes, afianzando monopolios e reafirmando o seu control sobre o acceso a contidos online. Tamén lles permitirá ás provedoras de ancho de banda crear paquetes de servizos que agrupen determinados contidos en favor ou detrimento doutros.

2. Zero-rating

Datos de Tráfico Gratuíto (neste caso Zero-rating) é un modelo polo que as operadoras non cobran ao usuario por un servizo de datos definido, o uso dunha aplicación específica ou dunha rede inarámica cercada. Para entendérmonos, ás veces tamén se chama "datos patrocinados", un tipo de acceso que se regala a determinados usuarios a cambio de seleccionar os contidos aos que terán acceso. Un parque temático que xa non será Internet, senón Internet entre comiñas.

3. Discriminación por "clase"

A nova regulación define varias clases de contidos, cuxo ancho de banda é susceptible de ser acelerado ou retardado con independencia da conxestión de tráfico ou a capacidade das infraestruturas. Unha clase é un "tipo" de contido, unha diferenza técnica que facilita moito a censura. Como ben apunta a Fundación WWW, isto non só permite ás telecos acelerar determinados servizos con argumentos lexítimos -como o vídeo sobre o texto, porque require máis ancho de banda- senón tamén discriminar prácticas que lles resulten inconvenientes. Por exemplo, o tráfico P2P ou os contidos cifrados.

Tecnicamente, todos os contidos cifrados son dunha mesma clase. Se o cifrado de datos vese castigado cunha retardación do servizo, os usuarios estarán fortemente motivados a comunicarse sen protección, permitindo a compravenda dos seus datos íntimos para beneficio das propias telecos e de moitas empresas máis. Ademais, como explica a EFF, categorizar o tráfico é imposible sen usar técnicas de análise profunda de tráfico.

A nova regulación permítelles ás telecos discriminar prácticas que lles resulten inconvenientes. Por exemplo, o tráfico P2P ou os contidos cifrados

4. Impending Congestion Management

Teoricamente, o obxectivo da Xestión de Conxestión Inminente é impedir a conxestión de contidos. A trampa é que inaugura o departamento de precrime: non fala de impedir a conxestión senón de previla. Isto é, facer xestión de redes fronte á ameaza de conxestión antes de que a conxestión se manifeste ou materialice.

Os grupos de protección do usuario consideran que a predición dos acontecementos é demasiado subxectiva e idiosincrática para xustificar unha redistribución de ancho de banda entre os diferentes servizos e que as operadoras deberían agardar a que haxa unha conxestión antes de facer nada respecto diso. En EEUU, o FCC (Comisión Federal de Comunicacións) non permite a xestión dunha conxestión inminente por entender que contradí as súas leis contra o bloqueo de servizos.

Bóla extra: o falso fin do roaming

A regulación foi aprobada por unha gran maioría que, ao parecer, o fixo votando pola eliminación do roaming, un servizo de itinerancia que permite saltar dunha zona de cobertura a outra entre os diferentes países europeos. Sería unha boa noticia, pero nin sequera era así. Segundo explicou Julia Reda, a parlamentaria do Partido Pirata alemán, "o plan de acabar co roaming en Europa foi aprobado pendente de revisión dos patróns de consumo e prezos en Europa. Mesmo se esa revisión se completa para a data tope do 15 de xuño de 2017, os cargos por itinerancia serán só suspendidos a partir dun límite de cargo axustado, a partir do cal se seguirán aplicando e seguirán impondo barreiras ás comunicacións en Europa".

Votación no Parlamento europeo, este martes © El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.