"As posibilidades das smart homes son infinitas. O límite é a imaxinación"

As solucións domóticas abaratáronse grazas ao software e hardware libres e ao cloud computing © Efismart

A Internet das Cousas, as aplicacións tecnolóxicas para os aspectos máis cotiáns das nosas vidas, será outro dos eixos centrais da LibreCon 2015, que comeza este xoves. Entre elas as smart homes, as casas intelixentes, con múltiples posibilidades que, grazas ao software e hardware libres ou á computación cloud (a oferta de servizos a través da rede, evitando ter que desenvolver grandes infraestruturas), son moito máis accesibles que antes. Pode que algunhas das aplicacións relacionadas coas smart homes resoen aínda a ciencia ficción e semellen complexas e distantes, pero na realidade non o son. Enrique Comesaña, da empresa galega Efismart, exporá no encontro algunhas das solucións que xa están a disposición de calquera cliente. 

"A monitorización das distintas partes dunha vivenda permíteche saber que partes ou equipos están consumindo máis enerxía"

Efismart centra a súa actividade, sobre todo, na procura da eficiencia enerxética, ofrecendo para isto dispositivos de monitorización de vivendas e locais comerciais. "Partimos do software e do hardware libre, apoiándonos en Arduino e en softwares xa existentes, coas súas comunidades, para crear dispositivos que monitorizan variables ambientais ou o consumo enerxético", explica. "O labor de monitorización das distintas partes dunha vivenda ou dunha oficina é importante, porque che permite saber que partes ou equipos están consumindo máis enerxía. Cun investimento moi pequeno podes saber onde podes aforrar e tomar decisións ao respecto", di. "Aquí cobra unha grande importancia o Arduino, porque reduce moito os custes de deseño e produción. A nosa función é presentalo de forma atractiva e darlle un software para que funcione", comenta.

"O seguinte paso, no que queremos comezar a traballar en breve é o control de calefacción e o control de luces. O noso obxectivo é sempre reducir os custes ao máximo para que estas solucións estean dispoñibles para todos os consumidores. Queremos ofrecer solucións integrais (aforro enerxético, temperatura, outros servizos...) empregando unha única plataforma", sinala. "De igual xeito, estamos traballando con fabricantes de produtos para que os sistemas detecten se teñen unha avaría, e nese caso que se poñan en contacto cos servizos técnico", anticipa.

Calefacción, electrodomésticos, iluminación..., calquera dispositivo tecnolóxico dunha vivenda é susceptible de formar parte dos procesos das smarthomes, estando conectados entre si e podendo interactuar con outras aplicacións e ser monitorizados e controlados polo usuario de forma centralizada. "Hai servizos moi caros, pero as solucións baseadas en cloud computing e conectadas á rede son máis accesibles. Se tivésemos que instalar en cada vivenda un sistema propio, autónomo, que tome decisións, os custes serían altísimos. Pero aproveitando o cloud, abarátase todo moito máis. Ademais, así o propio sistema pode aprender externamente, volvéndose máis efectivo e máis adecuado ás túas necesidades", subliña.

"Se tivésemos que instalar en cada vivenda un sistema propio, os custes serían altísimos. Pero aproveitando o cloud, abarátase todo moito"

E o futuro? "O ideal é que nun futuro sexa a propia vivenda a que tome decisións por si soa", comenta Enrique Comesaña, "aprendendo sobre os teus hábitos e autorregulándose", di. "As posibilidades das smart homes son infinitas, depende do que queiras facer e tamén da túa dispoñibilidade económica, pero en realidade podemos chegar a desenvolver todas as aplicación que poidamos imaxinar. A imaxinación é o límite", destaca.

Efismart ofrece servizos de monitorización do consumo enerxético © Efismart
As solucións domóticas abaratáronse grazas ao software e hardware libres e ao cloud computing © Efismart
Enrique Comesaña © LibreCon

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.