Facebook seguirá as conversas políticas de 21 millóns de persoas ata as eleccións xerais

CC-BY-SA Praza Pública

Facebook España quere saber que opinan de política os 21 millóns de usuarios que teñen no Estado cara ás eleccións do 20D. A rede social vén de anunciar a súa intención de usar a información aloxada nos seus servidores para atopar os temas clave da campaña e establecer categorías sobre que é o que realmente preocupa aos cidadáns antes de decidir o próximo inquilino de La Moncloa.

"Mediremos cantas persoas únicas interactúan en conversas relacionadas coas eleccións", aseguran en Facebook España. Tamén se gardará rexistro do "número de interaccións relacionadas coas eleccións" e prestarase especial atención "aos comentarios sobre os temas políticos máis relevantes e os candidatos". Trátase de saber de que se fala e canto ocupan esas conversas. Para iso Facebook usará o seu acceso a todas as interaccións políticas. Á hora de comunicar eses datos, a compañía manterá o anonimato dos seus protagonistas.  

Os plans da plataforma foron trasladados a un grupo de xornalistas especializados en política convocados este mércores na súa sede madrileña. Nesa reunión, os voceiros da compañía confirmaron que tamén medirán onde se producen os debates para poder establecer as "variacións xeográficas" dos asuntos políticos que máis tráfico xeran na rede. 

A compañía medirá onde se producen os debates para poder establecer "variacións xeográficas" dos asuntos políticos que máis tráfico xeran

A decisión de observar as opinións dos seus usuarios non é nova, pero si o contexto en que se produce e o específico da información que a compañía busca vinculada á actualidade política. "Estamos ante as primeiras eleccións conversacionais", aseguran. Segundo os datos que xa foron recompilando, entre o 15 de agosto e o 31 de outubro producíronse en España 36 millóns de interaccións con contido político.

Facebook asegura que non usará comercialmente os datos

Os responsables de Facebook negan a posibilidade de darlle uso comercial a toda esa información. Ningunha das conclusións que obteñan da súa análise formará parte dos acordos que establezan cos partidos políticos en clave publicitaria. "Trátase dunha decisión totalmente independente da publicidade que as formacións políticas poidan pór nesta ou outra plataforma", sinala un portavoz oficial. "A relación de Facebook cos partidos políticos é idéntica á que mantemos co resto de anunciantes", sinalan.

A empresa ofrécelles aos anunciantes paquetes de usuarios estratificados por idades ou zonas xeográficas

Facebook ofrece aos seus clientes paquetes de usuarios estratificados por idades ou zonas xeográficas, para accións publicitarias que buscan a maior eficacia. Coas formacións políticas fan o mesmo. "Se queremos contratar publicidade dirixida a pensionistas, Facebook encárgase de difundir os nosos anuncios entre ese sector da poboación", sinalan fontes dun dos principais partidos que concorren ás eleccións. A relación entre política e redes sociais é crecente e iso non é alleo para ningunha das dúas partes. Segundo un portavoz oficial do PP, "o investimento publicitario en Facebook e Twitter vai ir en aumento nos últimos anos". 

O novo paso da compañía fundada por Mark Zuckerberg xa ensaiou as súas posibilidades de converterse nun actor político nas pasadas eleccións do Reino Unido ou na campaña electoral canadense. Os responsables de Facebook teñen na súa mirada un dato: en 2014 as conversas políticas ocuparon o terceiro posto no ranking de temas.

Aplicación móbil de Facebook © María Elena

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.