0 Gardados para despois

"O puntogal vai existir e vai funcionar ben"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Jordi Iparraguirre é o director da Fundació Puntcat. Estivo en Compostela para participar na presentación oficial da candidatura galega para contarmos cun dominio de primeiro nivel

Que beneficios trouxo o .cat para Catalunya?

Ten bastantes vantaxes, en distintos ámbitos. A primeira é a visibilidade internacional: daste a coñecer simplemente polo uso do mail ou da existencia dunha web. E funciona nunha dobre dirección: daste a coñecer en todo o mundo e tamén todo o mundo se decata de que existe unha realidade que é Catalunya, que se expresa nunha lingua determinada e que ten uns intereses específicos, e así é como se dirixen a ti. Iso pasa mesmo con grandes multinacionais, que empregan o .cat para difundir os seus produtos aquí e dirixirse mellor aos seus clientes.

Pequenas empresas ou comercios sentían que estarían máis próximos aos seus clientes e aos cidadáns co .cat

A un nivel particular tamén tivo unha influencia grande no usuario final; decatámonos de que moita xente que nunca pensara ter un dominio en Internet pois decidiu abrilo para ter un .cat, e tamén o fixeron pequenas empresas ou comercios: sentían que estarían máis próximos aos seus clientes e aos cidadáns co .cat que co .es ou o .com. Outras vantaxes teñen que ver co orgullo de comunidade: é un activo tecnolóxico que conseguimos entre todos e que funciona ben. Ás veces parece que tiramos pedras sobre o noso tellado e que facemos todo mal e os de fóra fano ben. Pero neste caso o .cat espertou un orgullo de traballo ben feito.

Como vedes dende fóra a candidatura do puntogal? Cres que temos posibilidades?

Eu creo que si. O puntogal baséase nun modelo de funcionamento que está probado e que funciona, hai consenso político en Galicia, toda a sociedade está de acordo. Nos últimos anos falouse moito dos dominios lingüísticos e culturais, e así como o puntcat funciona tamén vai funcionar o puntogal e outros. Na ICAAN decatáronse de que existían este tipo de comunidades e de era unha demanda real. Tardará o que tarde en aprobar a candidatura, porque os procesos do ICAAN son lentos, pero o puntogal vai existir e vai funcionar ben.

Na ICAAN decatáronse de que existían este tipo de comunidades e de era unha demanda real

Puntcat abriu un camiño, en certa forma, logo?

Si, foi un grande éxito, en termos cuantitativos e cualitativos. Tivemos só catro desputas por dominios en seis anos, iso é pouquísimo comparado con outros. Funcionou ben e non deu ningún problema. Mesmo a ICAAN comezou a falar ultimamente da necesidade de priorizar este tipo de dominios culturais, porque son pequenos e funcionan ben.

"Ten bastantes vantaxes, en distintos ámbitos. A primeira é a visibilidade internacional: daste a coñecer simplemente polo uso do mail ou da existencia dunha web. E funciona nunha dobre dirección: daste a coñecer en todo o mundo e tamén todo o mundo se decata de que existe unha realidade que é Catalunya, que se expresa nunha lingua determinada e que ten uns intereses específicos, e así é como se dirixen a ti. Iso pasa mesmo con grandes multinacionais, que empregan o .cat para difundir os seus produtos aquí e dirixirse mellor aos seus clientes"

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.