Os Museos Científicos Coruñeses recibiron 52.000 visitas máis que en 2014

O Aquarium Finisterrae © Concello da Coruña

Os Museos Científicos Coruñeses -Casa das Ciencias, Domus e Aquarium- acadaron en 2015 o seu maior número de visitantes dos últimos catro anos: un total de 433.490 persoas, o que supón un incremento de 52.098 visitas, un 13,65% sobre a cifra rexistrada no 2014, que foi de 381.392 visitantes.

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, salientou este domingo o éxito “dun contenedor de excelencia fundamental” como son estes espazos municipais. “O Goberno local entende a ciencia como un elemento integrado na cultura. O 'Coñecemento' que leva a Concellería no seu nome é tamén a firme convicción por poñer en valor unha institución histórica como son os Museos Científicos”, destacou o responsable municipal, quen fixo fincapé na aposta do Executivo “desde o primeiro momento” por estes espazos, “un compromiso que fixemos constar no programa electoral e hoxe vemos nos resultados, fronte ao abandono e falta de interese que sufriron na anterior etapa de Goberno”.

O museo científico máis visitado, o Aquarium Finisterrae, recibiu en doce meses 221.817 persoas, case 16.000 máis que no período anterior (205.909 no 2014). A Domus foi o espazo que máis incrementou o seu rexistro de visitas, até un 25%. No 2015, ano no que cumpriu o 20 aniversario aberto ao público, atravesaron as súas portas 116.997 persoas, 24.000 máis que no 2014. “O fortalecemento das infraestruturas e as liñas programáticas do museo resultaron fundamentais”, destacou José Manuel Sande en relación ao aumento de visitas do mesmo. Pola súa banda, o decano dos contenedores de divulgación da cultura científica na cidade, a Casa das Ciencias, acolleu a visita de 94.676 persoas, 12.162 máis que no ano 2014 (82.514). O museo do Parque de Santa Margarita, que cumpriu 30 anos desde a súa inauguración, aproxímase por primeira vez en catro anos ás 100.000 visitas.

“Os Museos Científicos representan un elemento fundamental na idea da Coruña como unha cidade ilustrada, impregnada de cultura”

Ás máis de 433.000 persoas que se achegaron aos tres museos durante o seu horario de apertura ao público súmase o número de asistentes e participantes das actividades, obradoiros ou conferencias que tiveron lugar ao longo de todo o ano, como o Mes Escéptico ou os obradoiros de robótica na Domus, “e que tamén resultaron moi exitosas”, segundo sinalou o edil.

O concelleiro tamén destacou a adaptación aos tempos dos Museos, como a recente creación e posta en marcha, o pasado mes de novembro, da Sala Maker, un espazo que considerou “esencial” no desenvolvemento “dunha cidade de vangarda”. “Os Museos Científicos representan un elemento fundamental na idea da Coruña como unha cidade ilustrada, impregnada de cultura”, explicou o responsable municipal, “e seguiremos investindo tempo e esforzo en traballar pola integración e difusión da cultura científica entre a veciñanza”. 

O Aquarium Finisterrae © Concello da Coruña
A Domus © Concello da Coruña
A Casa das Ciencias © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.