Varias localidades galegas acumulan en 4 días máis chuvia que en novembro e decembro

Vista do temporal en Corrubedo © @portocorrubedo

Non foi só unha percepción túa. Efectivamente, en novembro e decembro choveu moi pouco en Galicia e nos últimos días choveu moito, mesmo moito máis do que é habitual en pleno mes de xaneiro. O portal de información meteorolóxica 4gotas.com vén de analizar os datos de precipitacións dos últimos días e acredita que, tras un outono moi seco, o panorama mudou "radicalmente", ata o punto de que en diversas localidades do país choveu nos primeiros dez días de xaneiro "case o dobre que en todo novembro e decembro" e en catro días, máis que nos anteriores dous meses.

"Aínda que puidese semellar o contrario", explican dende 4gotas.com, o panorama meteorolóxico non mudou demasiado nas últimas semanas no que atinxe á formación das borrascas. "Apenas houbo cambios na xeración de baixas presións no Atlántico norte", sinala o meteorólogo Carlos Balseiro, quen especifica ademais que "borrascas como as que nos afectaron neste comezo de 2016 estiveron a formarse durante os meses de novembro e decembro no Atlántico". Elas foron as responsables, por exemplo, de que o 5 de decembro o Reino Unido batese o seu récord histórico de chuvias, con máis de 300 litros por metro cadrado en apenas vinte e catro horas.

Varios puntos do país rexistraron nos primeiros dez días do ano case o dobre de precipitacións que en novembro e decembro

"A diferenza -aclara- é que a finais de 2015 tiñamos un anticiclón centrado no Mediterráneo que facía que esas borrascas só rozasen Galicia". Agora esas altas presións "afastáronse cara a Siberia e o norte de África", e as borrascas atlánticas teñen vía libre para chegar a Galicia.

Este cambio foi o responsable de que, por exemplo, entre o xoves e o domingo da semana pasada caesen na Coruña máis de 140 litros por metro cadrado tras rexistrarse apenas 120 entre novembro e decembro. Tamén Lugo tivo máis chuvia en catro días que en dous meses (120 fronte a 115 litros) e o mesmo, aínda que por menor diferenza, aconteceu en Ourense, con 87 litros por metro cadrado neses catro días e 85 durante os derradeiros dous meses do 2015. Así as cousas, en todas estas cidades xa choveu máis do que adoita chover no mes de xaneiro despois de rexistraren a metade das precipitacións que corresponderían durante novembro e decembro.

Dado que xaneiro xa fixo os seus deberes en canto a chuvia, que cabe agardar para os vindeiros días? O equipo de 4gotas.com cre "moi posible" que o mércores volvan as chuvias intensas, pero serán "pasaxeiras", xa que a partir do xoves chegará un cambio de tempo. Dende este luns formarase unha área de altas presións en Terranova que "se irá achegando a Galicia e, tras o paso da borrasca do mércores, asentarase ao norte da Península" e "protexeranos da chegada de novas borrascas atlánticas". En troques, chegará frío e a "notable" baixada de temperaturas pode favorecer que no leste do país se poida ver neve a partir de 600 ou 800 metros, resaltan.

Vista do temporal en Corrubedo © @portocorrubedo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.