0 Gardados para despois

Galicia é a cuarta comunidade que máis difunde o software libre nas súas universidades

Redacción | @prazapublica

Hai uns días publicouse o ranking das universidades españolas en software libre, que analiza o compromiso de cada unha delas co uso e a difusión do software libre. Trátase dun ranking especializado que as clasifica en función de 37 indicadores que miden o traballo que realiza cada unha delas no ámbito do coñecemento libre dende todos os seus estamentos e que foi realizada por unha comisión de recoñecidos expertos do sector. Avaliáronse sete dimensións da universidade: cultura da universidade en software libre, docencia, tecnoloxía, divulgación, webmetría, institución e produción.

Avaliáronse sete dimensións da universidade: cultura da universidade en software libre, docencia, tecnoloxía, divulgación, webmetría, institución e produción

O resultado é unha lista de 72 universidades, que encabezan con claridade Granada, Zaragoza e La Laguna. As galegas aparecen máis atrás: Vigo no posto 16, A Coruña no 17 e Santiago no 22. Pero globalmente Galicia é a cuarta comunidade autónoma cun mellor traballo na difusión do software libre nas institucións de ensino superior, por detrás de Canarias, Aragón e Andalucía, pero por diante de Euskadi ou Extremadura, que levan anos emprestando unha atención preferente a este tema.

Analizadas con detemento, Vigo destaca nos aspectos tecnolóxicos (onde é a segunda universidade do Estado con mellor puntuación), que se refiren aos servidores e licencias e ao campus virtual. Tamén acada bos rexistros en docencia (pola existencia de programas de estudos especializados en software libre) e divulgación (pola organización de eventos específicos). Porén, acada peores marcas en produción (referida á participación dos seus alumnos no Concurso Universitario de Software Libre ou no Google Summer of Code).

O resultado é unha lista de 72 universidades, que encabezan con claridade Granada, Zaragoza e La Laguna

Pola súa banda, A Coruña repite o mesmo esquema, con bos resultados en tecnoloxía, docencia e divulgación. E peores en produción, cultura de software libre (onde se valora a existencia e funcionamento dunha oficina específica) e webmetría. A Universidade de Santiago acada puntuacións máis modestas que as outras dúas universidades galegas en tecnoloxía, docencia e divulgación, pero mantén rexistros notables en todas as áreas.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.