O reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto, mostrou esta mañá a súa desconformidade cos novos requisitos plantexados polo Ministerio de Educación ao respecto do Proxecto de Real Decreto que establece os umbrais de renda e patrimonio familiar e as contías das bolsas e axudas aos estudos universitarios, no Consello de Universidades presidido pola secretaria de Estado de Educación, FP e Universidades, Montserrat Gomendio, e á que estaban convocados todos os reitores.
Moitos outros reitores manifestáronse de xeito semellante polo que o informe ao Proxecto de Real Decreto foi desfavorable por unanimidade
Segundo manifestou Armesto, subir a nota mínima para obter unha bolsa vai en contra da igualdade de oportunidades dos estudantes ao esixirlle un maior rendemento académico aos alumnos bolseiros. “Os estudantes que solicitan estas bolsas proceden dun contorno económico máis desfavorecido e segundo os expertos, o contorno social dun alumno inflúe notablemente nas cualificacións. Máis ou menos recursos materiais para o estudo, ter ou non biblioteca no fogar e outras variables condicionan en gran parte o rendemento dos estudantes, polo que se ademais se lles esixe maior nota é profundamente inxusto”, explicou o reitor.
Ademais da intervención do reitor da Universidade da Coruña, moitos outros reitores manifestáronse de xeito semellante polo que o informe ao Proxecto de Real Decreto foi desfavorable por unanimidade.
Os reitores están convocados a un Consello de Universidades extraordinario o vindeiro 7 de xuño
Os reitores están convocados a un Consello de Universidades extraordinario o vindeiro 7 de xuño para tratar o Real Decreto-Lei 14/2012 de 20 de abril, de medidas de racionalización do gasto público no ámbito educativo.