Divulgación científica en Galicia: luces e sombras

Presentación do informe, este mércores no Consello da Cultura © Xurxo Mariño

Este mércores presentouse no Consello da Cultura o informe A divulgación da ciencia en Galicia, coordinado por Xurxo Mariño, que analiza a difusión que se realiza tanto en medios de comunicación, como en museos e outro tipo de institucións. Destácase a "variedade extraordinaria de propostas", pero sinálanse igualmente eivas, coma os problemas de financiamento e a "escasa" presenza nos medios. As conclusións foron presentadas no marco da xornada A divulgación da ciencia en Galicia, que incluíu a presentación de catro iniciativas concretas de difusión do coñecemento científico, a cargo de Jorge Mira, Deborah García, Manuel Vicente e Borja Tosar.

Destácase a "variedade extraordinaria de propostas", pero sinálanse igualmente eivas, coma os problemas de financiamento e a "escasa" presenza nos medios

O informe é resultado dun ano de traballo dun equipo interdisciplinar de científicos, xornalistas, profesores de ensino medio e outros expertos integrada por Paulino Estévez Alonso, Ánxela Bugallo Rodríguez, Iolanda Fernández Casal, Antonio Fernández Oca, Xosé Antón Fraga Vázquez, Pablo Ramil Rego, Julio Rodríguez Tabeada, Silvia López Ben, Xurxo Mariño Alfonso e Jorge Mira Pérez, baixo a coordinación de Francisco Díaz-Fierros.

 

Luces e sombras

Entre os aspectos máis positivos destácase o traballo dos museos de ciencia

As case 400 páxinas do informe revelan as virtudes e as eivas da comunicación e divulgación do coñecemento en Galicia. Entre os aspectos máis positivos destácase o traballo dos museos de ciencia, que "cumpren un importante labor na divulgación actual da ciencia como centros de referencia polo seu rigor, pola capacidade de atracción de todo tipo de público e como núcleos a partir dos cales se desenvolven moitas actividades ademais das directamente relacionadas cos seus fondos". Aínda que, iso si, sinálase que "están todos espallados pola provincia da Coruña excepto o Museo do Mar de Vigo, reflectindo un claro desequilibro no acceso que escolares e outros visitantes teñen a este tipo de centros". E, ademais, "teñen un vínculo feble cos labores de investigación". Alértase igualmente de que "o prestixio dentro e fóra de Galicia" dos Museos Científicos Coruñeses podería estar en risco polos recortes orzamentarios sufridos nos últimos ano.

Apenas o 2,5% da superficie total dos xornais impresos está dedicado á ciencia e en poucos casos contan con seccións específicas

En canto aos medios de comunicación, aparecen moitas tarefas pendentes. Destácase que na prensa diaria se foi incrementando a produción de contidos relacionados coa ciencia e, mesmo, "acubillando un incipiente xornalismo científico", grazas á "vontade persoal dalgúns xornalistas e colaboradores" máis que ao "interese particular dos propietarios dos xornais". Saliéntase a traxectoria La Voz de la Escuela de La Voz de Galicia, que se publica desde 1982. Porén, apenas o 2,5% da superficie total dos xornais impresos está dedicado á ciencia e en poucos casos contan con seccións específicas. Critícase igualmente a inclusión de temas pseudocientíficos e a "incapacidade" para eliminar das páxinas de moitas cabeceiras entretementos coma o horóscopo.

En canto á prensa dixital, destácase a existencia de seccións específicas de ciencia en Praza e en Galicia Confidencial e a actividade da revista online GCiencia

En canto á prensa dixital, destácase a existencia de seccións específicas de ciencia en Praza e en Galicia Confidencial. E, no caso concreto de Praza, a publicación desde comezos de 2016, dos Episodios de cultura científica, artigos sobre a historia da ciencia en Galicia realizados por Xosé Fraga, director do Álbum da Ciencia do Consello da Cultura Galega, que se inclúen tamén na edición en papel de La Opinión de A Coruña os domingos. Ademais, sublíñase a actividade da revista online GCiencia. Mentres, cualifícase de "desolador" o campo de comunicación científica das revistas en papel, pois na actualidade non existe en Galicia ningunha revista de divulgación para todos os públicos, nin sequera por parte das universidades. Finalmente, na televisión e na radio, destácase a Efervesciencia (na Radio Galega) e Historias del Tiempo (en V Televisión).

Outra das luces procede da multitude de charlas e programas de divulgación, que non contan co apoio institucional que merecerían

Outra das luces procede da multitude de charlas e programas de divulgación (os cafés-teatro científicos, o programa ConCiencia, o Discurshow ou os Puntos Científicos), "iniciativas que teñen un custo económico moderado ou nalgúns casos practicamente nulo, detalle importante que debería animar os responsables da Administración autonómica a poñer en marcha programas estables de financiamento". Destácase neste senso que "desde o ámbito institucional, a Xunta diminuíu notablemente o seu papel dinamizador da divulgación científica e tecnolóxica nos últimos anos, a pesar de ter desempeñado no pasado un importante papel no apoio a estas actividades a través de convocatorias como Diverciencia ou da coordinación de citas como a Semana da Ciencia". Entre as actividades realizadas co obxectivo de estimular a creatividade e o espírito crítico e de fomentar vocacións científicas, destacan ademais as feiras de ciencia, organizadas na súa maioría por centros de ensino primario e secundario. O Día da Ciencia na Rúa (organizada pola Asociación de Amigos da Casa das Ciencias) ou Galiciencia (organizado polo Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole), son outros exemplos.

O informe conclúe que "moitas das actividades deben a súa existencia ao traballo dunha única persoa ou un grupo pequeno de colaboradores, circunstancia que fai máis fráxiles aínda os programas de divulgación"

O informe conclúe que "moitas das actividades que se manteñen cunha certa estabilidade –ciclos de charlas, feiras da ciencia, actividades organizas por organizacións sen ánimo de lucro, actividades de divulgación en centros de ensino– deben a súa existencia ao traballo persistente dunha única persoa ou un grupo pequeno de colaboradores, circunstancia que fai máis fráxiles aínda os programas de divulgación" e critica a falla de apoio institucional, sobre todo por parte da Xunta.

 

Presentación do informe, este mércores no Consello da Cultura © Xurxo Mariño

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.