A rede privada de escolas infantís en galego bota a andar para o curso que vén

Escola infantil CC-BY-NC-SA Karina Ibarra

A rede privada de escolas infantís en galego está máis preto. As asembleas de Galiza co Galego, comisión promotora do proxecto, e da constitución da Cooperativa de Ensino Popular Avoaescola, instrumento para facer posible este ensino, terán lugar o vindeiro día 30 de xuño en Compostela. Será un chanzo máis nun desafío que naceu hai algúns anos e que pretende “a materialización dun proxecto educativo laico, pluralista, democrático, en valores e de calidade, en calquera punto onde a cidadanía o demande”.

O obxectivo final non é outro que conformar unha rede de ensino que garanta tamén unha educación vehicular en galego, algo que xa facilitaban as galescolas durante o bipartito pero que quedou imposibilitado co novo Executivo do PP, logo da súa substitución pola rede da Galiña Azul, que non asegura o ensino da lingua propia do país nas idades máis temperás.

Preténdese unha rede de cooperativas de ensino "en galego, laico, pluralista, democrático, en valores e de calidade"

O vindeiro 30 de xuño debaterase o proxecto económico e social para unha escola en galego inclusiva e a constitución desta Cooperativa de Ensino Popular, que é unha pedra máis nunha construción que naceu hai xa tempo co compromiso de apoio -tamén económico- de máis de 3.000 persoas a Galiza co Galego (GcG), unha asociación que conta xa desde hai tempo cun proxecto educativo marco elaborado en colaboración coa a AS-PG e Nova Escola Galega, ademais do apoio de sindicatos educativos ou da Unión das Cooperativas de Ensino.

“O paso agora é acabar de darlle forma á ferramenta que fará posible que, naqueles lugares onde haxa a demanda de escola por parte das familias ou educadores se poida facer”, explica Francisco López, presidente de GcG, que aclara que o obxectivo da Cooperativa Avoescola é “posibilitar” a creación de escolas para que logo “os seus impulsores poidan constituír a súa cooperativa independente” e que en rede con outras fortalezan e expandan o proxecto”.

As achegas económicas chegan dos socios numerarios, e á vez socios da cooperativa, que crean un fondo de escola que garantirá a viabilidade dos centros de ensino asociados. “A cooperativa será a facedora da escola e a creadora de dinámicas de traballo, así como da contratación de mestres e persoal educativo”, engade. “O capital económico conseguirase na medida na que o capital humano responda”, insiste López, que advirte que xa hai un fondo creado.

A Cooperativa de Ensino Popular será a "impulsora" das escolas infantís para conformar unha rede de centros autónomos

“As escolas que vai ter este proxecto dependen da iniciativa social, da iniciativa popular. O único que ten que ter a xente é decidirse e autoorganizarse”, engade o presidente de GcG, que insiste en que o proxecto é “o impulsor” dunhas escolas que dependen tamén da implicación da xente que aposte por un ensino "en galego, laico, pluralista e democrático”.

Así, GcG xa está a favorecer cursos de formación entre os seus asociados para desenvolver as habilidades sociais e directivas, así como a posibilidade de postos de traballo na Cooperativa Avoaescola. Os interesados teñen tamén un enderezo electrónico de contacto (traballonavoaescola@galizacogalego.com), así como unha web onde resolver calquera dúbida.

Escola infantil CC-BY-NC-SA Karina Ibarra
Francisco López, presidente de Galiza co Galego CC-BY M. Pereira

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.