0 Gardados para despois

A realidade virtual "na cidade do futuro", protagonista no Tek-Fest de Pontevedra

Redacción | @prazapublica

Realidade virtual, big data, cartografía dixital urbana, artesanía e tecnoloxía, comunicación inmersiva... Son conceptos ligados a tecnoloxías aínda emerxentes que a finais de setembro estarán a pé de rúa no Tek Fest, o encontro internacional que ultima a súa preparación en Pontevedra co obxectivo de bosquexar como será "a cidade do futuro", un obxectivo para o que este xoves avanzou parte do seu programa.

A divulgación estará intimamente ligada á formación neste encontro. Así, no programa inclúense dous obradoiros de doce horas que, do 27 ao 29 de setembro, traballarán en realidade virtual e novas cartografías. O primeiro, impartido por Antonio Víctor García-Serrano, experto en camarografía en 360 graos, e por persoal do estudio Bermudas Land, tentará servir de introdución ás imaxes "inmersivas" en 360 tanto en fotografía como en vídeo. Traballará, ademais, sobre programas informáticos que permiten interactuar en escenarios de realidade virtual.

No segundo, baixo o título Carto: Location Intellingence, o investigador Javier Noguerol exporá as aplicacións de Carto, proxecto do que é responsable de intelixenica. Esta compañía, explican dende o Tek-Fest, é "das máis destacadas internacionalmente na análise e visualización de datos xeolocalizados" e o obradoiro abordara como a análise xeospacial pode "mellorar a calidade de vida" da veciñanza das cidades.

Tras os obradoiros e conferencias, o Tek-Fest pecharase co Demo Day, no que o traballo realizado se amosará ao público xeral

Xusto despois destes dous obradoiros, o 30 de setembro, será a quenda do simposio Escenarios de futuro: da metrópole á cidade dixital, un simposio inaugurado polo filósofo Pedro Medina e mais o deseñador Javier Maseda. O evento contará tamén coas intervencións da deseñadora Isabel Berz, experta en fusionar moda, tecnoloxía e proxectos sociais, ou Jimena Merino, que disertará sobre a "democratización da realidade virtal e da imaxe inmersiva" mediante a súa expansión nas redes sociais.

Instalacións urbanas ou propostas en materia de música e vídeo estarán tamén presentes nun certame que o 1 de outubro terá, como "fin de festa", o chamado Demo Day, no que se amosará ao público xeral o traballo realizado durante todo o encontro. Quen queiran participar nos obradoiros poden inscribirse ata o 21 de agosto na web do Tek-Fest. A matrícula, resaltan, será formalizada tras unha selección das persoas aspirantes.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.