A Lei Sinde comeza a actuar e obriga a retirar enlaces sen posibilidade de alegar

Captura de pantalla de Bajui.com Dominio Público Praza Pública

A Lei Sinde xa actúa, revelando algunhas das cuestións que non acabaran de ficar claras no seu proceso de redacción. A Sección Segunda da Comisión da Propiedade Intelectual actúa contra o servizo de hosting e considera os sitios de ligazóns como simples intermediarios, obrigándoos, iso si, a retirar as ligazóns en 72 horas desde que se lle notifica a resolución e sen posibilidade de alegar.

A primeira actuación desta Comisión dirixiuse contra a web de ligazóns bajui.com, e o servizo de almacenamento uploaded.com

A primeira actuación desta Comisión dirixiuse contra a web de ligazóns bajui.com, e o servizo de almacenamento uploaded.com, por aloxar esta segunda e difundir o link a primeira dun disco de Luz Casal, Un Ramo de Rosas.

Uploaded recibe unha notificación para que borre o arquivo nun prazo de 48 horas, e ao mesmo tempo bajui.com recibe outra na que se lle informa da apertura do procedemento contra uploaded.com. Bajui estaría obrigada a vixiar cada un das ligazóns que fornece, aínda que sexan subidos de forma automática ou por terceiros, para detectar e eliminar aqueles que apunten á descarga de Un Ramo de Rosas. Se Bajui non retirase as ligazóns denunciadas, incorrería nunha infracción moi grave, con multa de 150.001 euros a 600.000 euros.

David Bravo explica que bajui.com xa foi levada ante os tribunais civís e penais, onde non foi declarada culpable de ningún delicto

David Bravo, avogado defensor do administrador da web e experto en materias de propiedade intelectual, explica en eldiario.es que bajui.com xa foi levada ante os tribunais civís e penais, onde non foi declarada culpable de ningún delicto: “No procedemento penal aceptouse a nosa petición de sobresemento e acordouse o arquivo das actuacións mediante resolución firme. É dicir, o caso non foi nin a xuízo porque entenderon que os feitos denunciados simplemente non eran delituosos. No procedemento civil, SGAE retirou a súa demanda tras ver como se denegaba a súa petición de peche cautelar da web e multábaselle por mala fe procesual”.

O mesmo opina o avogado Carlos Sánchez Almeida, que considera que esta resolución é unha "fraude de lei", xa que "o Ministerio considera que o infractor é o sitio de hosting e non o sitio de ligazóns, ao que outorga un papel de intermediario e saca do procedemento pero obriga a eliminar ligazóns". Este procedemento podería estenderse a calquera páxina, mesmo servizos de envío de novas, coma meneame ou chuza, ou a Wikipedia ou mesmo Google, que reproduzan ligazóns denunciadas; deberían retiralas de inmediato e sempre sen ter a posibilidade de alegar, pois o procedemento non se dirixe contra eles, teoricamente. Por este motivo xa se puxo en marcha en Twitter o hashtag #sindefensa.

Esa é a principal crítica que se dirixe contra este procedemento: a imposibilidade de alegación ou defensa. Ademais, preocupa que a notificación se refira a “outras ligazóns presentes ou futuras á mesma obra obxecto deste procedemento”

Esa é a principal crítica que se dirixe contra este procedemento: a imposibilidade de alegación ou defensa. Ademais, preocupa que a notificación se refira a “outras ligazóns presentes ou futuras á mesma obra obxecto deste procedemento”. Segundo Bravo, obrígase ao webmaster a unha supervisión xeral e permanente da web e a instaurar un sistema de filtrado que sexa eficaz no 100% dos casos para evitar incumprir a obrigación que se lle impón. A resolución di que se basea para dicir isto nunha interpretación do coñecemento efectivo establecida por unha “doutrina do Tribunal Supremo” que así o establece. Porén, Bravo afirma que tal doutrina (que non é explicada) non existe.

“Moitos decidirán pechar por medo a que lles pidan responsabilidades. Algún mal pensado pode crer que iso é precisamente o que se pretende”

De feito, engade que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea declarou en febreiro que os titulares dunha web non teñen obriga de establecer un sistema de supervisión previa ou de filtrado para evitar o intercambio de arquivos entre os seus usuarios. Bravo conclúe que se trata dunha obriga de imposible cumprimento en sitios con certo nivel de tráfico. “Moitos decidirán pechar por medo a que lles pidan responsabilidades. Algún mal pensado pode crer que iso é precisamente o que se pretende”, di.

Captura de pantalla de Bajui.com Dominio Público Praza Pública
David Bravo CC-BY ubuntulife

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.