A Xunta gasta 100.000 euros nun cento de ordenadores para os que esixe Windows

Detalle do prego de condicións CC-BY-SA Praza Pública

"Prímanse as solucións libres nos proxectos TIC de todos os departamentos da Xunta de Galicia". "Procedemento de análise de alternativas libres previo á contratación TIC". "Mantemento do software libre no posto informático do empregado público". Son algunhas das intencións e obxectivos expresadas pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, o ente que aglutina as competencias do Goberno galego en materia informática e tecnolóxica, no seu Plan de Acción en Materia de Software Libre. Nese documento o Executivo amosaba o seu interese polo "impulso" das solucións informáticas libres en xeral, e no ámbito da Administración pública en particular por permitir, entre outros aspectos, unha maior "eficiencia" e aforro. Eses obxectivos non se ven reflectidos, cando menos polo momento, á hora de realizar investimentos máis ou menos ordinarios en tecnoloxía, tales como a compra de ordenadores persoais. Esta é, precisamente, a operación que vén de iniciar a Consellería de Facenda, que o pasado 31 de maio iniciou os trámites para mobilizar ata 100.465 euros -importe de licitación, isto é, o máximo que está disposta a pagar- para mercar 110 computadores con sistema operativo privativo.

Os ordenadores deben ter preinstalado o sistema operativo de Microsoft

O departamento que dirixe Elena Muñoz realizará esta adquisición a través do Centro Informático para a Xestión Tributaria Económico-Financeira e Contable (Cixtec), se ben os novos equipos non irán só ás instalacións desde departamento especializado, senón tamén a "distintas dependencias da Consellería de Facenda", nomeadamente aos seus servizos centrais, no complexo administrativo de San Caetano e nun edificio próximo, e nas cinco delegacións territoriais do Goberno galego -as catro capitais de provincia máis Vigo-. No prego de condicións técnicas que deben satisfacer as empresas interesadas no contrato a Xunta advirte de que, como "característica mínima" no que atinxe ao software "os equipos deben incluír unha licenza OEM para Windows", isto é, deben vir co sistema operativo de Microsoft preinstalado. 

Como no caso do hardware, no que a Xunta pide un procesador de "polo menos dous núcleos", cando menos 160 xigas de disco duro ou unha tarxeta gráfica de 128 megabytes, entre outros requisitos, a Xunta advirte de que "as propostas que ofrezan características inferiores" ás esixidas, tamén no caso dos programas e, polo tanto, tamén no do sistema oeprativo, "non serán tomadas en consideración no presente procedemento de adxudicación". "O licitador pode ofertar prestacións superiores ás solicitadas, que nos casos especificados se considerarán positivamente na valoración técnica da oferta". En ningún punto do documento se especifica que é considerado "inferior" ou "superior" para o software.

O feito de que Facenda prescinda do software libre nesta operación resulta especialmente ilustrativo xa que non se trata de engadir ordenadores ás súas oficinas, senón de "substituír equipos existentes", posto que "os requerimentos das aplicacións actuais demandan unha maior capacidade de proceso e rapidez de resposta que os antigos ordenadores non poden soportar". Ademais, a través deste contrato "abordarase o cambio de postos de traballo que remataron a súa vida útil e o prazo de garantía que se esixiu na súa compra". "A necesidade administrativa a satisfacer é a de dotar os usuarios con equipamentos informáticos máis actualizados, cos que se poidan levar a cabo de xeito rápido, áxil e eficaz o seu traballo, conseguindo deste xeito unha óptima operatividade nas funcións a desenvolver", abonda Facenda.

 

Mauro Fernández, director xeral do CIXTEC © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.