Na procura da transformación do rural dende a agricultura ecolóxica

© Uvigo

O Congreso Internacional de Agroecoloxía e Agricultura Ecolóxica, que chega á súa cuarta edición, converteuse xa nunha referencia en todo o mundo. No encontro, que se celebra na Facultade de Económicas do campus vigués entre este xoves e o sábado, intervirán máis de 200 investigadores, esxpertos, emprendedores e labregos, de Galicia e do resto do Estado, mais tamén vidos de Brasil, Uruguai, Colombia, México e Portugal.

O Congreso constitúe un foro de discusión sobre a situación actual do mundo rural e as oportunidades e as posibilidades de futuro para a súa dinamización desde a óptica da agroecoloxía

O obxectivo é combinar a visión científica co coñecemento práctico de experiencias concretas e reais que se estean a realizar en Galicia e noutros lugares do mundo e analizar o seu desenvolvemento dende distintas dimensións: técnico-produtivas, políticas (a relación cos movementos sociais, coas mulleres labregas, co desenvolvemento rural, coa saúde...) e socioculturais (cuestións éticas, a súa relación co coñecemento tradicional...)

Nesta edición escolleuse como temática central as Iniciativas agoecolóxicas innovadoras para a transformación dos espazos rurais. Procúrase compartir información e aprender de moitas experiencias agroecolóxicas reais ademais de servir de foro de discusión sobre a situación actual do mundo rural e as oportunidades e as posibilidades de futuro para a súa dinamización desde a óptica da agroecoloxía. Neste marco, o congreso servirá para a presentación do manifesto Batamos no fracaso: Por un Rural mellor, por parte da Rede Ágora Rural.

O congreso servirá para a presentación do manifesto Batamos no fracaso: Por un Rural mellor, por parte da Rede Ágora Rural

Destaca a participación de poñentes de relevancia como pode ser Fernando Silva de Oliveira Baptista ex-Ministro de Agricultura de Portugal e membro da Universidade Técnica de Lisboa. Ou as expertas no ámbito da soberanía alimentaria Marta Rivera ou Esther Vivas. Ademais, Javier García Lozano, do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia, ofrecerá a conferencia inaugural.

Entre as mesas redondas e presentacións hai que salientar as centradas en Experiencias en consumo alternativo, na que participará a Asociación de Consumo Responsable Semente de Ourense, ou a dedicada ás Experiencias Agroecolóxicas Innovadoras, coa intervención de Labregos Daiquí S. Coop. Galega. Finalmente, o sábado os participantes no Congreso van poder visitar a interesante iniciativa da Cooperativa Monte Cabalar localizada no concello da Estrada, na que poderán coñecer de primaira man o manexo silvopastoril de diferentes razas de gando autóctono.

Cartaz do congreso © Uvigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.