Igrexa 2.0. Unha app permite consultar os horarios das misas no Páramo

Capturas de pantalla da app © Código Cero

Igrexa 2.0. José Manuel Castro Alba é o crego que administra a actividade relixiosa en 11 parroquias do Páramo (Lugo). Usuario habitual das redes sociais, que emprega como ferramenta de comunicacións cos seus fregueses, o mes pasado lanzou a aplicación para dispositivos móbiles Misas no Páramo, que informa sobre os horarios das eucaristías nas igrexas que leva persoalmente, e sobre os aniversarios, funerais e festas patronais. Castro Alba mantén así mesmo un actualizado blog con información das parroquias do Páramo.

A app acadou notable sona en moi pouco tempo, con ampla repercusión nos medios de comunicación e mesmo aparecendo no último vídeo musical de Páramo Pictures, Vente Empacar, versión paródica do Vente Pa' Ca de Ricky Martin e Maluma.

O seu autor destaca que a aplicación xurdiu nun curso de novas tecnoloxías e naceu "coa idea de facer máis fácil o acceso aos horarios de misas nas parroquias do Páramo". "A execución foi sinxela, unha vez que xa existía un calendario web con toda a información simplemente ideouse unha contorna gráfica con distintas seccións e enlazouse a este calendario", di. A aparición desta app non eliminou, no entanto, a entrega desta mesma información impresa, que se segue realizando de forma trimestral. Porén, os horarios presentes nestes boletíns ás veces fican desactualizados, ao non poder facerse cambios ou novas incorporacións.

A app ten igualmente unha versión web, que permite o seu acceso dende o smartphone sen ter que instalar a aplicación, destacando o seu autor que esta vía permite a súa consulta aos usuarios de iPhone.

O crego do Páramo, impartindo un obradoiro de redes sociais organizado por Cáritas Dominio Público Praza Pública
José Manuel Castro Alba © http://www.igrexa.org/oparamo/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.