O ACTA volve ser rexeitado no Parlamento Europeo

Votación na comisión, esta tarde © Pirate Party

A Comisión de Comercio Internacional do Parlamento Europeo (INTA) votou este xoves contra o ACTA (Acordo Comercial de Antifalsificación). A votación tivo un resultado claro, de 19 votos contra 12, e mesmo se opuxeron ao acordo deputados dos grupos socialista e popular. A INTA convértese así na quinta comisión do Europarlamento que se opón ao ACTA, uníndose ás comisión de Liberdades Civís, Industria, Asuntos Legais e Desenvolvemento. Está previsto que o Parlamento Europeo se pronuncie definitivmente sobre ACTA en xullo. Se o Parlamento votase en contra, a ACTA non se aplicariá na Unión.

Os grupos opostos ao tratado denunciaran nos días previos supostas presións de numerosos lobbies para que a comisión, unha das máis influíntes do Parlamento, votase a favor

Helmut Scholz, eurodeputado alemán de Die Linke, sinalou que "hoxe én día para sinalar cun marco branco". Os grupos opostos ao tratado denunciaran nos días previos supostas presións de numerosos lobbies para que a comisión, unha das máis influíntes do Parlamento, votase a favor. Scholz culpou directamente á Comisión Europea destas presións e mesmo sinalou despois da votación que "este foi o combate dos cidadáns da Europa contra a Comisión". Scholz tamén denuncia que o mércores pola tarde o comisario do Comercio, Karel de Guth, se reuniu cos deputados para presionalos ou, cando menos, adiar a votación.

Scholz definiu o ACTA como "a tentativa de control dunha minoría sobre a maioría" e lembrou que os eurodeputados "son os efectivos representantes dos cidadáns da Unión". "O debate público intenso sobre o ACTA entre os cidadáns de Europa", engadiu o eurodeputado do GUE/NGL, "desembocou nun mandato imperativo para que os europeos rexeiten o acordo".

"O debate público intenso sobre o ACTA entre os cidadáns da Europa desembocou nun mandato imperativo para que os europeos rexeiten o acordo"

De igual xeito, Paul Murphy, eurodeputado irlandés da United Left Alliance, declarou que "o voto contra o ACTA é unha vitoria importante da loita contra os ataques ás liberdades civís; foi rexeitado na comisión grazas á mobilización de decenas de millar de manifestantes a través da Europa". Murphy engadiu que "de agora en diante debemos manter a presión na perspectiva da votación no plenario para nos asegurarmos que sexa desmantelado este ataque pernicioso contra as liberdades na internet orquestrado polas grandes empresas para protexer os seus intereses".

Votación na comisión, esta tarde © Pirate Party

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.