UDC e Navantia avanzan en Ferrol na aplicación de I+D para a construción naval

Botadura recente do 'Adelaide', construído en Ferrol para a Armada de Australia © Navantia

Hai un ano a Universidade da Coruña e Navantia puxeron en marcha unha Unidade Mixta de Investigación (UMI) para traballar conxuntamente na optimización de procesos produtivos nos estaleiros e o desenvolvemento de novas ferramentas, sobre todo no eido das tecnoloxías da información. Todo isto enmarcado nun concepto, o do Estaleiro 4.0, caracterizado pola innovación, a transferencia de coñecemento entre universidade e empresa, e a colaboración horizontal entre as compañías auxiliares. Esta semana os responsables do proxecto, Daniel Pena pola UDC e Carlos Merino por Navantia, presentaron en Ferrol os resultados deste primeiro ano de traballos, nunha xornada titulada O estaleiro do futuro.

Un total de 60 persoas, tanto do ámbito universitario coma profesional, participaron nos últimos meses nos grupos específicos creados no marco da UMI. Algunhas das súas primeiras achegas e conclusións comezarán a aplicarse na construción de fragatas F-110 para a Armada española, que Navantia desenvolverá nos catro vindeiros anos. A longo prazo, o obxectivo é camiñar cara a unha transformación da propia organización física de toda a factoría e a modificacións dos sistemas de traballo empregados en todos os procesos. Navantia salienta que "a única forma de competir no actual mercado global é mellorando os procesos de construción para gañar en tempo e custe”.

Un grupo de enxeñeiros e enxeñeiras, procedentes principalmente da Escola de Enxeñaría Naval de Ferrol, traballarán durante tres anos no Centro de Investigacións Tecnolóxicas do campus ferrolán, en diferentes liñas de estudo. Na actualidade xa hai oito en marcha, algunhas en colaboración con outras institucións e empresas, coma Siemens ou a Universidade de Vigo, e afondando en cuestións coma o estudo de novos materiais ou o desenvolvemento da enerxía eólica mariña.

Nos aspectos concretos que se aplicarán á construción naval, comezando polas fragatas F-110, destaca o uso da realidade virtual e a mellora das maquetas dixitais, que facilitan o desenvolvemento de proxectos e tamén o control da produción en todo momento, para evitar a aparición de obstáculos nos estadios sucesivos de montaxe. Tamén a automatización de procesos, seguindo o ronsel da industria da automoción (de feito, a xornada de Ferrol participaron responsables do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia), tamén a robótica colaborativa, o desenvolvemento de software específico, o proxecto sen cables para reducir o uso deste elemento nos buques, o Internet das Cousas ou o modelado 3D.

 

Botadura recente do 'Adelaide', construído en Ferrol para a Armada de Australia © Navantia
Cartaz da xornada © UDC
Un momento da xornada © @JesusQuerol1

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.