Google quere salvar tres linguas en perigo de desaparición en España

Captura de pantalla © Google

Hai gobernos que non se preocupan porque desaparezan algunha das linguas que falan as persoas que viven no seu territorio. Ou que se preocupan menos que Google, cando menos, que colabora no Proxecto Idiomas en Perigo co obxectivo de colaborar na supervivencia de algo máis de tres mil idiomas que no mundo se atopan en risco de extinción, máis ou menos a metada das linguas faladas no planeta. O proxecto está realizado polo First Peoples' Cultural Council (FPCC) e polo Institute for Language Information and Technology, da Universidade de Michigan.

O proxecto clasifica as linguas, valora o nivel de risco de desaparición, en función do número de falantes restantes e outros criterios. Así, sinala os perigos que corren o 120 mil falantes de Navajo ("en situación de risco"), os 15 mil de Mirandés ("en perigo de extinción") ou os 6 mil do Córnico ("en grave perigo de extinción").

“Documentar as máis de 3.000 linguas que están a piques de desaparecer é un paso importante para preservar a diversidade, honrar os coñecementos dos nosos maiores e enriquecer o futuro dos mozos”

O proxecto quere ser unha ferramenta colaborativa para difundir información e coñecemento sobre cada lingua, e aporoveitando as capacidades multimedia, vídeos e audios dos falantes vivos de cada idioma, funcionando así como arquivo. A páxina está, así, aberta a que calquera persoa a vaia construíndo con novos contidos e informacións. Así mesmo, segundo os seus promotores, quérese ofrecer consellos e suxestións ás persoas que traballan na documentación e protección dos idiomas ameazados. Clara Rivera Rodriguez e Jason Rissman, responsables do proxecto explican que “documentar as máis de 3.000 linguas que están a piques de desaparecer é un paso importante para preservar a diversidade, honrar os coñecementos dos nosos maiores e enriquecer o futuro dos mozos”, explican. 

A páxina sinala que no Estado español hai tres linguas ameazadas: o aragonés, o asturiano e a lenguaxe de signos catalá, e outras dúas en Portugal, o mirandés e a lingua de signos portuguesa

A páxina sinala que no Estado español hai tres linguas ameazadas: o aragonés, o asturiano e a lenguaxe de signos catalá, e outras dúas en Portugal, o mirandés e a lingua de signos portuguesa. Por exemplo, sinala que o aragonés, "en grave perigo de extinción", ten menos de 10 mil falantes, e ofrece información sobre a lingua e varios vídeos gravados no Pireneo aragonés. Ou o asturiano, "susceptible de extinción", con ao redor de 100 mil falantes e unha documentación visual e sonora que inclúe vídeos de manifestacións pola lingua ou presentacións de software libre en asturiano, mostra dunha maior vitalidade. Ou o mirandés, en Portugal, na mesma situación que o asturiano e con 15 mil falantes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.