0 Gardados para despois

A rede wifi da cidade de Ourense, que custou un millón de euros, seguirá inactiva

Redacción | @prazapublica

A rede wifi da cidade de Ourense continuará, polo momento sen funcionamento, toda vez que o Concello non atopou ningunha empresa interesada en explotar o servizo. Na primavera abriuse unha convocatoria para facerse coa concesión por un período de dous anos, co pagamento dun canon anual de 30 mil euros. Non obstante, o proceso foi declarado deserto.

A infraestrutura foi creada en 2010 cun investimento de case un millón de euros (998.584) con cargo ao Plan E. Nese momento a empresa Gowex comezou a facerse cargo da súa explotación. Gowex era nese momento unha exitosa start-up de rápido crecemento. Porén, en 2014 descubriuse que levaba tempo falsificando as sáus contas: un informe da consultora estadounidense Gotham City sinalou a falsidade no 90% das súas vendas e acusouna de incluír nas súas contas oficiais ingresos que non existían. En 2013 Gowex renovara o seu contrato con Concello de Ourense por outros tres anos (co pagamento dun canon de 70 mil euros), nun momento en que xa estaba a falsificar as súas contas de maneira sistemática.

A caída de Gowex fixo que o servizo de wifi aberto na cidade de Ourense quedase paralizado dende comezos de 2015. E dende entón segue así, a pesar dos intentos do Goberno local de atopar algún outro operador interesado en xestionalo. De momento así seguirá, a pesar do importante investimento realizado, de contar con 41 puntos emisores na zona urbana e na zona rural e de que no seu momento de máis éxito (mediados de 2014) chegou a contar con 23 mil usuarios e usuarias, que foron descendendo rapidamente nos meses seguintes.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.