InLugo debaterá este venres e sábado os cambios sociais que provoca Internet

O congreso terá lugar no Pazo de San Marcos de Lugo © InLugo

InLugo, o Congreso de Cultura Dixital e Redes Sociais organizado pola Deputación, chega á súa cuarta edición, buscando un ano máis afondar nas transformacións que a Internet está a provocar nas nosas vidas, tanto nos aspectos estruturais coma nos máis cotiás e, así mesmo, quere reflexionar sobre o uso que facemos das redes e nas implicacións que ten no mundo que nos rodea.

O evento celebrarase este venres e sábado no Pazo de San Marcos da capital lucense e conta co patrocinio de R Galicia e a colaboración de Alsa. Está composto por diferentes relatorios e mesas redondas nas que se poderá debater sobre os cambios de hábitos, mentalidade, formas de comunicación e estilos de vida, que despois de corenta anos de existencia, produce a rede en diferentes sectores da nosa sociedade, con especial atención a aqueles sectores estratéxicos na provincia de Lugo. Para iso, cóntase coa participación de coñecidos expertos e expertas do mundo do xornalismo, a tecnoloxía, a mercadotecnia online ou a cultura dixital, entre outros. Unha boa parte deles e delas viven e traballan na propia provincia de Lugo ou son orixinarios de alí.

A conferencia inaugural, "Instagram, la revolución social fotográfica", correrá da man de Phil González, responsable de Instagramers, un dos máis importantes puntos de encontro para as persoas usuarias desta popular aplicación de fotografía. González debullará como pasou de ser bloqueado por Instagram a colaborar activamente coa empresa, actualmente propiedade de Facebook.

Destaca igualmente a intervención do enxeñeiro de telecomunicacións Óscar Fafián, que traballa dende hai máis de década e media no departamento de planificación estratéxica e desenvolvemento de R. Dende alí afonda no que se deu en chamar "internet das cousas", que abordará no InLugo cun relatorio sobre o futuro do "fogar dixital". Tamén é moi esperada a participación do xornalista vilalbés Daniel Basteiro, que tratará no seu relatorio as perspectivas e o futuro da prensa nativa dixital, na que traballa dende que chegou a El Huffington Post procedente de Público tras o peche da súa edición en papel. Dende 2015 exerce o oficio en El Español.

Estará tamén Javier Pedreira, Wicho, responsable da área informática dos Museos Científicos Coruñeses e tamén un dos referentes do popular portal Microsiervos. No seu relatorio preguntarase se hai realmente "nativos dixitais", defendendo que na práctica non existen, pois mesmo aqueles rapaces e rapazas nacidos a partir da década dos noventa "se os sacas de Instagram, Snapchat, YouTube ou dos programas que utilizan para descargarse música e películas, son tan patosos como o que máis. E tampouco teñen nin idea dos seus dereitos e deberes nesta era dixital". E, así mesmo, falará Bárbara Yuste, que estuda dende hai anos as vías polas que se desenvolve o que se deu en chamar "economía dixital"; na actualidade é tamén a responsable de proxectos, expansión e comunidades do portal Bez e, dende esa experiencia, analizará no InLugo o panorama dos novos medios.

Haberá un bo número de relatores e relatoras galegos, ademais de Javier Pedreira. Por exemplo o youtuber Sebas Mouret. Ou Simón Cabarcos que a través da súa empresa Blindaxe desenvolve unhas pioneiras caneleiras de fibra de carbono, que distribúe para diversas disciplinas deportivas. Ou Álvaro Fontela, responsable da empresa lucense de hosting Raiola Networks. E máis nomes galegos, coma os de Leandro Varea, Natalia Alonso, Carmen Porteiro ou Manuel Soto.

 

Premios InLugo 2016

No marco do congreso tamén se entregarán os Premios #INLUGO, que chegan igualmente á súa cuarta edición. Os galardóns buscan recoñecer aquelas iniciativas, persoas ou organizacións da provincia de Lugo que están a destacar no bo uso de Internet e as novas tecnoloxías en diferentes ámbitos. O certame ten tres categorías: Comercio, Lecer e Restauración; Deportes, Cultura e Acción Social; e Tecnoloxía.

A presentación de candidaturas é un proceso aberto e público que comezou o pasado 22 de novembro e que aínda se pechou este pasado luns. Un xurado, integrado por representantes das Deputación de Lugo é o encargado de valorar as distintas opcións presentadas, para escoller os gañadores e gañadoras finais. A cerimonia de entrega terá lugar este sábado 17 de decembro de 2016 a partir de las 19 horas no Pazo de San Marcos.

 

O congreso terá lugar no Pazo de San Marcos de Lugo © InLugo
A cita reúne unha ducias e expertos e expertas nas súas áreas, a metade da provincia de Lugo © InLugo
Cartaz da edición 2016 © InLugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.