R reembolsará cinco veces o custe do servizo do tempo que durou a avaría

Sede de R na Coruña © Ottiplanet

Entre o mediodía do venres 23 e a madrugada do sábado 24, os e as clientas de R sufriron unha avaría masiva que as deixou sen servizo de voz e datos nos seus dispositivos móbiles. Os problemas foron solucionándose dende a noite do venres, recuperándose primeiro as liñas de voz e, ao redor das seis da mañá do sábado, o servizo de datos. Unha vez amañado o problema, a empresa publicou un comunicado no que pedía "perdón" sinalando que a empresa sentía "unha mestura de impotencia e de rabia", amosándose "tristes por todo o sucedido, polas molestias causadas, polos problemas que tivestes co servizo".

Se unha persoa ou empresa sufriu un corte do seu servizo durante 15 horas, recibirá unha compensación equivalente a tres días, unha décima parte da súa factura mensual neses conceptos

Nese comunicado xa anunciaba que os e as clientas da compañía recibirían unha compensación, que comeza a concretarse. Na vindeira factura (o ciclo de facturación vai do 22 de decembro ao 21 de xaneiro) incluirase un reembolso que será de cinco veces o custo dos servizos que se viron afectados durante o tempo de durou a incidencia. É dicir, se unha persoa ou empresa sufriu un corte do seu servizo durante 15 horas, recibirá unha compensación equivalente a tres días, unha décima parte da súa factura mensual neses conceptos. Ademais, engaden dende R, a compañía incluirá "algún outro detalle" cos seus abonados e abonadas, aínda sen especificar.

Nestes momentos todos os servizos están restablecidos, aínda que nalgúns modelos concretos de terminais está habendo dificultades para volver conectar de forma automática á rede

Nestes momentos, sinalan, todos os servizos están restablecidos, aínda que nalgúns modelos concretos de terminais está habendo dificultades para volver conectar de forma automática á rede. Dende as súas contas de twitter e facebook, e tamén a través do seu blog, R está a realizar algunhas recomendacións para a solución destas incidencias particulares, que pasan en case todos os casos por realizar a conexión de forma manual ou por reiniciar os dispositivos.

Os servizos xurídicos de R estudan a reclamación que a compañía presentará contra Vodafone, á que culpan da avaría

Ademais do comunicado no que pedía desculpas, este sábado fixo pública tamén unha declaración na que afirmaba que "a causa da incidencia foi un aumento desproporcionado do tráfico de SMSs dirixido aos clientes de R, como consecuencia dun envío masivo de mensaxes do operador Vodafone". Durante os últimos anos R viñera utilizando a rede móbil de Vodafone, ata que coincidindo pola adquisición da compañía galega por parte de Euskaltel, cambiou esta rede pola de Orange. Este é o motivo polo que Vodafone tiña acceso aos números dos e das clientas de R, ás que fixo ofertas de servizos a través destas mensaxes. Os responsables de R sinalaron que "ante a gravidade do problema técnico ocasionado e os prexuízos para os clientes, o operador galego xa lles comunicou os feitos ás autoridades competentes". Este luns pola mañá non había máis novidade ao respecto, sinalando fontes de R que os seus servizos xurídicos estaban a estudar os pasos a seguir nas denuncias que deben presentar ante os órganos competentes.

Vodafone considera que a acusación é "inxustificada e irresponsable" e pídelle a R que a retire

Pola súa banda, Vodafone España reaccionou de inmediato ante estas "graves acusacións", sinalando nun comunicado que "rexeita as acusacións de R e lamenta que sinale como causa da incidencia" á acción realizada por esta compañía. "Tralas análises técnicas realizadas, Vodafone España ten a firme convicción de que nada ten que ver con esta incidencia, pois o número de SMSs cursado dende a rede de Vodafone nos últimos días á rede de R non é significativo na xestión dunha rede co volume de clientes de R e, polo tanto, consideramos que a acusación é inxustificada e irresponsable", afirma. A compañía pecha o seu comunicando "convidando" a R a "reconsiderar a súa acusación e a retirala de forma inmediata".

Hai uns meses R deixou de empregar a rede móbil de Vodafone para pasar á de Orange

Durante as horas que durou a avaría nos servizos de voz e datos de R, as queixas e o anoxo amosados polos clientes e clientas da compañía foron evidentes a través das denuncias e comentarios publicados nas redes sociais. A incidencia deste venres uníase nalgúns casos ás críticas previas polo que algúns e algunhas abonadas entenden como unha degradación do servizo dende a compra de R por parte de Euskaltel e o cambio de rede a Orange que, iso si, permitiu que R comezase a ofrecer servizos de 4G.

 

Sede de R na Coruña © Ottiplanet

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.