0 Gardados para despois

2016 foi o ano con máis horas de sol en Santiago do último cuarto de século

Redacción | @prazapublica

O ceo nunca foi "sempre" gris, como cantou Siniestro Total, pero desta volta non o foi nin sequera maioritariamente. A percepción xeral de que o 2016 foi un ano excepcionalmente solleiro, no que a meteoroloxía usualmente considerada como "boa" preponderou sobre as borrascas e os temporais. Á espera dos datos finais de Meteogalicia para o conxunto do país xa é posible facer balance nunha das cidades con máis sona de seren escenario de chuvia case permanente, Santiago. E o certo é que o que vén de rematar foi na capital de Galicia o ano con máis horas de sol no último cuarto de século.

O observatorio da USC rexistrou insolación "nun 52,1% das posibles horas de exposición solar" do ano

Segundo os datos do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, da Universidade de Santiago, durante 2016 rexistráronse na cidade un total de 2.291 horas de sol. Isto supón, explica o seu director, José Ángel Docobo, "un 52,1% das posibles horas de exposición solar, con só 45 días nos que non saíu o astro rei, 89 xornadas con períodos de insolación de entre 6 e 9 horas e outros 113 días con máis de 9 horas". Nestes rexistros destaca especialmente para Docobo o do mes de decembro, "con máis de 158 horas, por diante de xaneiro, febreiro e novembro e moi preto de marzo", aínda que no mes en que comeza a primavera "a duración do día xa é sensiblemente maior".

O 2016 foi, daquela, excepcionalmente solleiro, o que non implica que chovese moito menos do normal, aínda que con matices. O rexistro final do ano foi de 1.836,7 litros por metro cadrado, o que encaixa case exactamente coa media rexistrada entre 1986 e 2015, que rolda os 1.820 litros. No entanto, subliña Docobo, produciuse "unha bipolarización do réxime de chuvias, concentrándose estas nos primeiros meses do ano". Así, 1.400 deses algo máis de 1.800 litros por metro cadrado rexistráronse "nos primeiros cinco meses do ano". Mentres, por exemplo, o pasado decembro foi o terceiro máis seco en trinta anos.

En consonancia con todo isto, os termómetros composteláns tamén rexistraron algún dato "insólito" no pasado ano. É o cualificativo que para o director do observatorio da USC merece o feito de que a media das temperaturas máximas do mes de decembro acadase os 15,5 graos, nun contexto no que a máxima do ano chegou en setembro, con 38,7 graos ás 16:41 do día 6 dese mes. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.