0 Gardados para despois

4 de cada 10 persoas menores de 45 anos mercan habitualmente a través de Internet

Redacción | @prazapublica

As compras a través de Internet comezan a ser algo habitual para un sector importante da poboación galega, á vista dos datos ofrecidos pola Enquisa Estrutural a Fogares publicada polo IGE. Aínda que as persoas que adquiriron algún produto ou servizo na rede nos últimos tres meses continúan a ser unha minoría (o 22,88%), esta porcentaxe creceu máis de catro puntos entre 2014 e 2015.

Ademais, a desagregación dos datos permite observar grandes diferenzas entre os hábitos das persoas menores de 45 anos e aquelas que superan esa idade. 4 de cada 10 menores de 45 anos mercan habitualmente en Internet (sobre todo aqueles e aquelas entre 25 e 34 anos), cun crecemento de entre 7 e 10 puntos no último ano. Pola contra, entre os 45 e 55 anos a porcentaxe é moi inferior (22%) e moito máis aínda por riba desa idade (5%), cun ritmo de crecemento, ademais, máis lento.

Comparando estes datos cos que o INE ofrece para o conxunto de España, obsérvase que aínda que a proporción de persoas que mercan en Intertet habitual é en Galicia case dez puntos inferior á media estatal (32,1%), nos grupos de idade máis mozos non hai apenas diferenzas, cunha marxe de menos de dous puntos entre Galicia e España considerando unicamente os e as menores de 45 anos. Pola contra, nas persoas entre 45 e 54 anos a diferenza é xa de 9 puntos, e de 17 por riba dos 55 anos

O IGE tamén amosa unha gran fenda nos hábitos de compra por Internet en función do nivel de ingresos (canto máis renda, máis compra online) e hábitat (a poboación urbana compra en Internet con moita máis frecuencia que a que vive en concellos pequenos)

Uso de Internet

En canto aos datos xerais de uso de Internet, a enquisa do IGE reflicte un incremento sostido, pero sobre todo reitera a fenda xeracional que se produce entre os e as menores de 45 anos -cun uso da rede practicamente unánime- e as persoas que superan esa idade, sobre todo os e a as maiores de 65, cun uso de Internet moi minoritario.

Comparando os datos galegos cos do conxunto do Estado repítese o mesmo patrón observado no hábito de mercar por Internet: entre as xeracións menores de 45 anos apenas hai diferenzas (as porcentaxes de internautas nestes grupos de idade van do 91% ao 98% tanto en Galicia coma en España), pero a partir desa idade si comeza a percibirse unha fenda: de 10 puntos no grupo de 45 a 54 anos, de 11 puntos no grupo de 55 a 64 anos e de case 20 puntos nos maiores de 65.

De igual xeito, diferenzas no nivel de renda (máis ingresos, máis internautas) e no hábitat das persoas entrevistadas (zonas urbanas con máis internautas), implican tamén no uso máis ou menos habitual de Internet.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.