A sentenza dun xulgado galego que pon freo ao cobro por liberar móbiles

Unha muller consulta un teléfono móbil Dominio Público Jeshoots

Unha sentenza xudicial pon freo aos cobros xeneralizados que as compañías telefónicas levan a cabo por liberar o teléfono móbil no caso de que quixese ser utilizado cun contrato dunha empresa diferente á que se adquiriu. O ditame do Xulgado do Mercantil número 1 da Coruña estimou a demanda interposta pola Fiscalía, Adicae e particulares contra Vodafone e declarou nula por ser abusiva esa cláusula, tan habitual, relativa ao desbloqueo dos aparellos. 

O xulgado estimou a demanda interposta por Fiscalía, Adicae e particulares contra Vodafone por cobrar por liberar os terminais

A demanda colectiva contra Vodafone centrábase no cobro de case 10 euros por desbloquear e liberar os móbiles logo de finalizar o período de permanencia na compañía. É a cláusula 8 dos seus contratos, onde a empresa aclaraba que "en caso de que o cliente adquira un terminal asociado ao servizo de Vodafone, o seu uso estará limitado ao devandito servizo" e na que engadía tamén que "no suposto de que o cliente estivese interesado en desbloquear o terminal, deberá seguir o procedemento de desbloqueo vixente en cada momento" e que establecía na súa web. 

A sentenza do xuíz, do pasado mes de novembro, considera nula esa condición xeral da cláusula 8 dos contratos por liberalizar os móbiles e establece que "unha vez finalizado o período de permanencia, ou con anterioridade de terse abonado a cláusula penal ou se están cumprindo as obrigas derivadas do contrato, o cliente debe ter a posibilidade de utilizar libremente o terminal”.

O xuíz establece que o cliente debe ter a posibilidade de utilizar libremente o terminal unha vez finalizado o período de permanencia 

O ditame do maxistrado, ademais, establece que a sentenza debe aplicarse a todos os clientes que xa tivesen contratado o servizo móbil con Vodafone, así como aos futuros contratos, e condena a compañía a devolver as cantidades cobradas, incluídos os impostos. Ao tempo, o xuíz acordou unha multa coercitiva á compañía de 5.000 euros por cada día por cada día que, pasados dous meses desde a sentenza, non puxese fin ás condicións da cláusula declaradas nulas. 

O ditame senta un precedente importante nun sector, o da telefonía, moitas veces denunciado por condicións que se consideran abusivas para os clientes. Na súa demanda, a Fiscalía acusaba a Vodafone de impoñer unha limitación técnica aos seus terminais "que impide empregalos con outras compañías operadoras e restrinxe a posibilidade de destinalos a outros fins". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.