As bacterias tamén xogan a Eurocopa

O estado do céspede pode decidir o resultado de máis dun partido cada ano Dominio Público Praza Pública

Dende os microorganismos que fan que o céspede estea en mellores ou peores condicións (aqueles días nos que o Barça ou España parecen non saber xogar) a aqueles outros que enferman á metade dunha plantilla, as bacterias poden decidir un campionato. Patricia Veiga escríbeo no blog de microbioloxía de Praza Pública.

"Eu creo que trocar a Torres por Navas estivo a piques de ser un gran erro. Porque se ti sacas do campo o 9 de referencia que podes agardar? A quen demo lle vai meter centros dende a banda o pobre rapaz? É certo, que o final acabou marcando un gol e deunos tranquilidade e o paso a cuartos… Que total xa o estabamos a celebrar dende hai catro días! Eu non sei pero creo o clásico 4-4-2 está algo obsoleto pero ter a xente no campo que che pode arranxar un centro non debería ser desaproveitado de calquera das maneiras. Pero oe, é a miña opinión.. outros dirán que o fútbol directo do Madrid é sempre a mellor opción. E o de Holanda? Quen o ía dicir? Coa fase de clasificación que fixeron!! E viches onte Francia!!"

Si, isto aínda é Circo de Bacterias, pero ben é certo que todos levamos un adestrador de fútbol dentro, e todos temos a Solución e a Resposta. Todos, sen excepción, tamén os meus pequenos amigos do laboratorio. Non sei se vós dixen que os individuos que o habitan teñen moi diversas procedencias, e claro estes días andan todos tolos coa Eurocopa… Seica todos son do seu país de orixe pero despois van coa Roxa… Disca!! Non che sei!! Pero o que está claro e que non paran de falar de estilos de xogo, do xogador revelación… Eu hai días que non sei se leo o As ou o Nature cando as oio. Xa farta, o outro día díxenlles que fixesen o favor de ficar caladiñas, que ían saber elas? Empezaron a rir as condenadas… parecían, a nena do exorcista polo menos!!

As especies dos fungos Fusarium coma Fusarium roseum, F. culmorum, F. poae, que fan que aparezan manchas redondas de color marrón-vermello con zoas verdes no centro

Para empezar polo sinxelo, dixeron elas todas cheas, que lle pasa a España e o Barça? Que necesitan un céspede en condicións, claro, cortiño, regado… coma Deus manda. Certo… sabes cantas especies de microorganismos somos capaces de condiciona-lo estado do terreo de xogo? Unha morea, nós rímonos dos acordos para rega-lo campo no descanso!… Será menos! Dixen eu… E comezaron a numeralas: As especies dos fungos Fusarium coma Fusarium roseum, F. culmorum, F. poae, que fan que aparezan manchas redondas de color marrón-vermello con zoas verdes no centro.

  • Fusarium nivale, que medra despois de que se vai a neve dos campos e da lugar a manchas rosadas.
  • Rhizoctonia solani, que da lugar a aparición de aneis verdosos, que son visibles principalmente a primeira hora da mañá.
  • Sclerotinium homeocarpa ataca principalmente os campos de Golf, provocando que aparezan manchas que se chaman Manchas de dólar!!

E que nos dis de todas as veces que un xogador non pode xogar porque está enfermo?

E con preferencias dependendo do tipo de fungo e do tipo de herba! Que non che comen calquera cousa! E así un largo etc… dixeron todas cheas!! Así que, coidadiño! Que o xogo da Roxa podémolo condicionar nós!. Pensei para min: uhm, cun bo funxicida amañamos!!!

E que nos dis de todas as veces que un xogador non pode xogar porque está enfermo?; lembras cando Rooney non puido xogar contra o Ajax porque tiña a gorxa inchada coma un globo? Ou cando tiveron que suspender o Murcia-Celta porque tiñan a 13 xogadores intoxicados?  Outra vez quedei sen saber que dicir.

Varias especies de fungos son responsables do bo ou mal estado do céspede Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.