"Cos drons estamos ante unha grande oportunidade, a nivel tecnolóxico e de empresa"

Fernando Navarro, fundador da compañía © Aerial Insights

Aerial Insights é unha start-up de recente creación que ofrece servizos de procesado e xeracións de mapas moi rapidamente a partir das imaxes captadas por calquera usuario/a cun avión non tripulado. Aínda que con sede en Barcelona, está xa desenvolvendo parte da súa actividade en Galicia. O negocio dos drons e das aplicacións ligadas a ela están a crecer de forma exponencial, sendo empregadas cada vez por máis persoas, colectivos e empresas, mesmo de moi pequeno tamaño.

Falamos con Fernando Navarro, fundador e CEO de Aerial Insigths, dos servizos que ofrece esta empresa (30 euros por un mapa de 20-30 hectáreas con resolucións de 1 a 5 centímetros por píxel) e do actual momento de desenvolvemento desta industria, en continuo cambio tecnolóxico e tamén legal. De feito, neste 2017 debaterase e aprobarase unha nova lei que regulará a súa actividade.

"Agora calquera persoa pode mercar un dron, con prezos que xa están moi baixos, e nun par de horas estará facendo fotos ou gravando vídeos bastante espectaculares"

Dá a impresión de que esta industria está a vivir un crecemento rapidísimo, chegando en poucos anos ao usuario base. Estás de acordo?

Os drons que agora podemos mercar nunha tenda son en realidade unha evolución dunha tecnoloxía e dun mundo que existe dende hai moitos anos, que é o radiocontrol. O que pasa é que antes había que ter unha gran habilidade para poder controlar estes aparellos e poder mantelos no aire. Agora, ademais, toda unha serie de tecnoloxías incorporadas permítenche controlar cámaras e outros trebellos e facelo dunha maneira moi sinxela. Antes para ter certo tipo de imaxes dende o alto tiñas que alugar un helicóptero, ou construír un andamio altísimo, non estaba ao alcance de calquera. Agora calquera persoa pode mercar un dron, con prezos que xa están moi baixos, e nun par de horas estará facendo fotos ou gravando vídeos bastante espectaculares.

Como nace o proxecto de Aerial Insights?

Comecei a barallar este proxecto partindo da miña propia experiencia persoal. Merquei un dron e decateime de que por moito que manexases o aparello con certa habilidade e o fixeses voar, despois aínda che quedaba a metade do traballo se querías darlle saída e utilidade ás imaxes que o dron gravara dende o aire. E que para tratalas tiñas que ter uns certos coñecementos e unha certa tecnoloxía. Nós o que facemos é, inmediatamente despois de que o dron tome terra, subimos as imaxes á nube e procesámolas. E a partir dos minutos ou horas de gravación que o cliente fixera, nós devolvémoslle rapidamente un mapa procesado. As máquinas necesarias para facer este traballo son moi caras, polo que ao cliente lle resulta moi conveniente pagar os 30 euros que lle custan os nosos mapas.

"Os mapas feitos con drons poden substituír aos mapas que antes se facían con satélite, pero cunha resolución moito máis alta e a un prezo moito máis económico"

En función dos usuarios que xa están demandando os vosos servizos, pero tamén das expectativas que barallades, para que utilidades e campos pode servir a vosa ferramenta? 

Os nosos servizos son útiles para campos coma a topografía, a planificación de construcións, a planificación de infraestruturas; tamén poden servir para accións relacionadas co catastro, para axudar a detectar fraudes en temas relacionadas con ampliacións de vivendas ou piscinas non declaradas. Os mapas feitos con drons poden substituír aos mapas que antes se facían con satélite, pero cunha resolución moito máis alta e a un prezo moito máis económico. A resolución é tan alta que poderemos distinguir se unha persoa ten ou non un móbil na man. Agora estamos traballado para conseguir representacións en 3D.

"A nova lei vai eliminar moitas restricións, abrindo campos moi interesantes. Agora, por exemplo, non se pode voar de noite, pero na nova lei si que se vai poder facer"

A nivel legal, que asuntos están máis en discusión? Que cuestións van marcar o desenvolvemento lexislativo inmediato?

Houbo temas que quedaron fóra da actual lexislación e que necesariamente entrarán na lei que se aprobe este ano. Este é un campo que evoluciona moi rápido, polo que non hai lexislacións definitivas, pois necesariamente terán que ir cambiando e adaptándose aos novos usos que se incorporen. Hai cousas que non podes facer: non podes voar por riba de 120 metros de altura, non podes voar enriba de xente, non podes voar enriba de instalacións militares ou dunha central nuclear... O aparello, ademais, ten que estar sempre na liña de visión do piloto, aínda que tecnicamente o dron  podería voar a varios quilómetros de distancia, conectando a súa cámara a unhas gafas de realidade virtual. A nova lei vai eliminar moitas restricións, abrindo campos moi interesantes. Agora, por exemplo, non se pode voar de noite, pero na nova lei si que se vai poder facer. A mellora na tecnoloxía, por exemplo nas baterías, vai derrubar algunhas das actuais limitacións que teñen os drons, permitindo que voen durante moitas horas seguidas.

"Galicia pode desenvolver un dos clusters máis importantes do mundo de produción de tecnoloxía para drons civís ou militares, tanto a través de grandes empresas como de pequenas compañías que van comezar a vender a súa propia tecnoloxía"

Que papel está a xogar e pode xogar Galicia na industria dos avións non tripulados?

Galicia está nunha posición inmellorable para facerse un oco importante nesta industria e neste mercado, un oco que pode ser moito máis que testemuñal. A min recórdame ao que pasou hai anos coa industria da animación, onde eu traballaba. Galicia converteuse nun dos centros desta industria, con varias empresas moi importante, producións de 9 ou 10 millóns de euros e gañando ano si e outro tamén os Goya nesta categoría, e outros galardóns internacionais. Galicia agora pode desenvolver un dos clusters máis importantes do mundo de produción de tecnoloxía para drons civís ou militares, tanto a través de grandes empresas como de pequenas compañías que van comezar a vender a súa propia tecnoloxía. Creo que se están poñendo as bases para o crecemento de proxectos que poden chegar a ser punteiros dentro dunha década.

"De aquí a catro ans o 10% do negocio da industria aeroespacial vano xerar os drons. As posibilidades son infinitas"

Cal é o futuro inmediato do mundo dron?

Estamos vivindo un momento apaixonante. Hai unha especie de tormenta perfecta, na que en paralelo se está xestando unha nova lexislación, hai un gran desenvolvemento técnico, hai moita xente con ideas novas e con proxectos novos..., todo ao mesmo tempo e cunha enerxía imparable. É unha grande oportunidade. Non lembro outro momento semellante con tecnoloxías que son completamente disruptivas, que teñen o potencial de cambiar moitos mercados e sectores distintos. En ocasións parece que o enfoque que se fai dos drons é excesivamente negativo, centrándose unicamente en certos problemas. Pero cos drons estamos ante unha grande oportunidade, a nivel tecnolóxico e de empresa. De aquí a catro ans o 10% do negocio da industria aeroespacial vano xerar os drons. As posibilidades son infinitas.

 

Dron no aire © Fayerwayer
A empresa ofrece un servizo de procesado das imaxes xeradas polos drons © Aerial Insights

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.