23 equipos participan na final galega da First Lego League de robótica

Unha das competicións da First Lego League © FLL

Ferrol acollerá este sábado 18 a competición galega da First Lego League, organizada pola Universidade da Coruña a través da Escola Universitaria Politécnica, a Facultade de Informática e a Escola Politécnica Superior de Ferrol. A First Lego League é un programa internacional que promove a ciencia e a tecnoloxía entre mozos e mozas de 10 a 16 anos, a través dun desafío que os equipos deben solucionar. A competición de Galicia é clasificatoria para a gran final First Lego League España que se celebrará o 18 de marzo de 2017 en Logroño

Na competición, os equipos presentan as súas propostas de solución no Torneo Clasificatorio correspondente. As entidades explican que "o proceso é moito máis importante que o resultado: baséase en que fan os equipos (proxecto científico e xogo do robot) e en como o fan (Valores First Lego League). O esencial é todo o que os mozos descobren e aprenden mediante a experiencia". O desafío que teñen que resolver nesta ocasión recibe o nome de Animal Allies. Nel, os equipos poñeranse na pel dos animais para descubrir que se consigue cando nos axudamos uns aos outros.

A First Lego League Galicia terá lugar integramente este sábado de 9.30 a 14.30 no Auditorio de Ferrol. Na competición participan alumnos e alumnas de colexios de toda a comunidade (Ferrol, Fene, Valdoviño, Ortigueira, San Sadurniño, A Coruña, Culleredo, Ourense…, entre outras localidades). En total, están inscritos 23 equipos e 161 participantes.

 

Un torneo internacional

Máis de 250.000 estudantes de 88 países de todo o mundo participan no programa First Lego League, o maior desafío internacional para o fomento das vocacións científicas e tecnolóxicas entre os máis novos. España é o país de Europa con maior número de equipos (1.600), con 31 torneos clasificatorios e 12.000 participantes.

A competición está presente en España dende o ano 2006, grazas ao impulso da Fundación Scientia en colaboración con universidades, parques tecnolóxicos e entidades de promoción da innovación. O obxectivo é fomentar as vocacións científicas e tecnolóxicas entre rapaces e rapazas en España e o desenvolvemento de competencias e habilidades necesarias para o futuro profesional e para dotar das "mellores oportunidades ás futuras xeracións de emprendedores, enxeñeiros e científicos do noso país". 

  • Nesta ligazón pódense consultar o horario e programa da competición deste sábado. Aquí os equipos participantes. E acolá como chegar ao Auditorio de Ferrol e os distintos espazos do recinto nos que será lugar o evento

 

Participantes na edición anterior da competición © FLL
Unha das probas da First Lego League © FLL
A robótica xoga un papel cada vez máis importante no ensino © FLL
A competición galega terá lugar este sábado no Auditorio de Ferrol © FLL

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.