Os acreditados a cátedra ven insuficiente o apoio da USC "á promoción do seu profesorado"

Sede do Reitorado da USC © Santiago Turismo

O colectivo de acreditados e acreditadas a cátedra da USC denuncia que a Universidade de Santiago se atopa "á cola das universidades galegas e españolas no apoio á promoción do seu profesorado". Sinalan que "un ano e medio despois da reforma da LOU, que permitiu ás universidades convocar prazas de catedrático sen que computen na taxa de reposición" o número de prazas convocadas pola institución con sede en Compostela (4) é un dos máis reducido de todo o Estado (cun total de 750). Moi lonxe, destacan, das 73 prazas da Universidade Complutense, das 53 de Granada ou das 49 de Sevilla.

Pídenlle á USC que "poña en marcha un plan de promocións ordenado e completo, que garanta a promoción nun prazo razoable de acordo coa antigüidade na acreditación"

Este grupo de profesores comezou a facer públicas as súas protestas o pasado ano, subliñando que había seis anos que a USC non creaba novas prazas de catedrático e catedrática, un período no que se produciran 50 xubilacións nesta categoría. A posición do Reitorado era que a política decidida pola USC pasaba por priorizar a estabilización do profesorado, para despois ir sacando prazas de promoción de titulares e de catedráticos. Unhas restricións económicas que tiñan a súa orixe no Plan de Equilibrio Económico-Financeiro aprobado polo Claustro a finais de 2014.

"Sen ningunha praza en 2015, a ridícula cifra aprobada en 2016 (só catro promocións) é a cuarta polo final das universidades españolas. Este dato non garda paralelismo nin co tamaño, nin con ningún indicador co que se mida a USC no contexto estatal", denuncia agora o colectivo. "Ningunha das universidades nunha posición semellante á nosa nos rankings de investigación desprezan coma a USC o talento do seu profesorado negando o dereito á promoción", din.

O Reitorado prioriza a estabilización do profesorado, para despois ir sacando prazas de promoción de titulares e de catedráticos

Os e as acreditadas afirman que "seguen agardando coñecer a proposta de promocións para 2017 do equipo reitoral" e critican a "opacidade coa que se xestiona o número e prazas e criterios para as promocións". Pídenlle á USC que "poña en marcha un plan de promocións ordenado e completo, que garanta a promoción nun prazo razoable de acordo coa antigüidade na acreditación".

 

Sede do Reitorado da USC © Santiago Turismo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.