Naukas volve á Coruña, e desta volta fixa a vista no Universo

Ponentes, organización e público do Naukas Coruña 2016 © Naukas

O pasado ano celebrouse, cun enorme éxito, a primeira edición de Naukas na Coruña, centrada naquela ocasión no cerebro. Neste enlace poden verse algúns vídeos daquel evento. Naukas volve á cidade herculina este sábado, cunha completa sesión que desta volta mira cara ao universo, xusto nunha semana na que unha das novas máis transcendentais foi a descuberta de sete novos exoplanetas semellantes á Terra.

A cita, organizada polos Museos Científicos Coruñeses e Naukas, será no Teatro Rosalía Castro, con entrada gratuíta previo rexistro, aínda que a maior parte das localidades xa foron ocupadas hai unhas semanas. Víctor Grande será o mestre de cerimonias dun espectáculo de divulgación científica que contará con dez clases maxistrais. A vida, o universo e todo o demais é o título do programa de charlas que, sen dúbida, volverá deixar pegada na cidade.

 

Programa

  • 10:30 Dez mil millóns de anos non son nada. Mariano Santander, Universidade de Valladolid. Un paseo polo que hoxe sabemos da historia do Universo, con vistas ao que (probablemente) non sabemos aínda. Dende cando o sabemos e como o aprendemos? Por que podemos ter confianza no que hoxe sabemos? Ten sentido preguntarse onde está o universo? Ou que había antes do Big Bang??
  • 11:15 Observando en distintas lonxitudes de onda: do visible e o invisible. Natalia R. Zelmanovitch e Manuel González, astrofísico no IAA. Como aprendemos a observar o universo máis aló do que nos ensinan os nosos ollos, desde o visible ata as ondas gravitacionais. E todo o que non vemos: materia e enerxía escuras.
  • 12:00 A astronomía como cha contan. Marcos Pérez Maldonado, Director Técnico da Casa das Ciencias. Os novos descubrimentos sobre o cosmos chegan ata nós filtrados polos medios de comunicación e as redes sociais. Nun tempo en que a información ten moito de espectáculo, que astronomía estamos a aprender?
  • 12:45 O universo do diminuto. Elena González Ferreiro, Grupo de Física de Altas Enerxías, Universidade de Santiago. De que estamos feitos realmente e por que é tan importante dispor de instrumentos como o LHC ademais de telescopios molóns de todo tipo. Cuestións sen resolver entre o modelo estándar e a relatividade. A procura dunha teoría do todo.
  • 13:30 Curiosidade polo dark. Estíbaliz Espinosa: escritora e filóloga. Agrupación astronómica Ío. Facerse unha pregunta ou non facela? Ciencia e humanidades son fillas da mesma curiosidade ante o escuro. Andamos fascinados pola vida, o universo e, dende logo, por ese intrigante todo o demais. Que din literatura ou arte ao respecto?
  • 16:30 A orixe da vida na Terra? Ou fóra dela? Carlos Briones. Centro de Astrobioloxía (CSIC-INTA). Cada vez coñecemos mellor algúns procesos químicos que puideron estar implicados na orixe da vida. Pero, producíronse no noso planeta, ou fóra del e entón somos extraterrestres? Pode ser a Terra o único planeta vivo, ou sería esperable que o universo estea cheo de vida?
  • 17:15 A fascinante variedade dos planetas extrasolares. Daniel Marín, Naukas. A principios de 1995 non sabiamos de certo se existían planetas fóra do noso sistema solar. Agora coñecemos máis de 3500. E a cifra segue aumentando. Moitos deles son moito máis alucinantes do que a propia ciencia ficción imaxinaba. Pero, que sabemos deles en realidade? Cales son os máis sorprendentes?
  • 18:00 Cultura e evolución humana. Juan Ignacio Pérez. Cátedra de Cultura Científica, UPV/EHU. A especie humana é cultural e, por iso, a cultura ten unha incidencia significativa na nosa bioloxía. Ten, ademais, influencia na evolución da nosa especie?
  • 18:45 E despois de nós, que? Miguel Santander. Astrofísico e escritor. Instituto de Ciencia de Materiais de Madrid (ICMM). Que será da Terra cando xa non esteamos aquí para velo? Que será do Sol? E do Universo? Haberá un final? Como será? Pode predicilo a ciencia? Unha mirada aos futuros posibles e probables que están por vir ata o fin dos días.
Cartel do evento que se celebra este sábado na Coruña © Naukas
Ponentes, organización e público do Naukas Coruña 2016 © Naukas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.