324 investigadores galegos, afectados pola precarización de contratos decidida polo Ministerio

Investigadores e investigadoras concentradas en Madrid, a pasada semana © El Diario

A mediados do mes de febreiro o Goberno central modificou, con efecto retroactivo e sen comunicación previa, os contratos de milleiros de investigadores e investigadoras predoutorais que traballan na universidade, que pasaron de ser de obra e servizo a en prácticas, o que reduce os seus dereitos. En Galicia isto afecta a 324 persoas, 229 na USC, 40 na UDC e 55 na Uvigo. Segundo denunciaron os sindicatos, esta modificación implica non ter indemnización ao final do contrato nin ter acceso á tarxeta sanitaria europea e, ademais, evita que os e as traballadoras reclamen a posibilidade de ser consideradas indefinidas.

En Galicia afecta a 324 persoas, 229 na USC, 40 na UDC e 55 na Uvigo

O Ministerio de Emprego vén negando que a decisión teña consecuencias ("é un cambio de nomenclatura", aseguran) e a secretaria de Estado de I+D+i chegou a recoñecer publicamente que descoñecía os efectos reais da medida. De igual xeito, o Executivo asegurou que o cambio fóra solicitado pola Conferencia de Reitores (CRUE), algo que foi desmentido pola entidade que agrupa as universidades españolas, que sinala que se limitou a facer unha consulta 2014 sobre "as disfuncións" que se estaban a producir con estes contratos. A CRUE pide que se cree "unha nova figura" legal para que estes contratos se axusten á Lei de Ciencia. Algunha universidade, coma a de Las Palmas, anunciou que se rebelaría contra a decisión do Goberno, buscando fórmulas para non precarizar os seus investigadores.

Ciencia con Futuro e a Federacion de Jóvenes Investigadores / Precarios denunciaron publicamente a medida decidida polo Goberno central, sinalando que "ten profundas implicacións para o futuro laboral dos afectados" e esixindo a súa rectificación e a comparecencia no congreso do Ministro de Economía. "Esta medida afecta os investigadores nas súas etapas iniciais, o elo máis débil do sistema de I+D+i español, unha mostra máis do ninguneo e do desprezo por parte do Goberno cara á I+D+i. Neste contexto non podemos quedar cos brazos cruzados: é necesaria unha resposta conxunta e contundente que asegure un futuro para a ciencia neste país", sinalaron as entidades.

"Esta medida afecta os investigadores nas súas etapas iniciais, o elo máis débil do sistema de I+D+i español, unha mostra máis do ninguneo e do desprezo por parte do Goberno cara á I+D+i", din Ciencia con Futuro e a FJI/Precarios

"Animamos o persoal investigador e técnico de universidades e OPIs de toda categoría e situación laboral a organizarse mediante asembleas, afiliación a asociacións, establecendo seccións sindicais nos centros, grupos de traballo, plataformas de investigadores ou con algunha outra medida. Traballadoras e traballadores informados dos seus dereitos e condicións laborais tradúcense en profesionais moito máis difíciles de enganar e, en conxunto, unha forza moito menos débil que cada cal por separado", engadiron nun comunicado que se pechaba dicindo que "Sen Ciencia non hai benestar, sen Ciencia non hai recuperación, sen Ciencia non hai Futuro".

Investigadores e investigadoras concentradas en Madrid, a pasada semana © El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.