EGANET crea un consorcio de empresas para o comercio electrónico

Evolución trmestral do comercio electrónico en España entre 2005 e 2011 Dominio Público Praza Pública

A Asociación de Empresas Galegas adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) vén de constituir un consorcio de comercio electrónico, formado por unha ducia de empresas, co obxectivo de sumar forzas e coñecementos para aumentar as posibilidades do sector TIC galego neste nicho de negocio, que se atopa en crecemento.

A iniciativa pretende dar unha resposta eficaz ás necesidades de comercio electrónico de todos os sectores produtivos, dende os negocios máis locais ata as industrias e grandes empresas

Polo de agora o consorcio está formado por Agalip, Explica Ingenieros, Deza Business, Galicia Digital, Galinus Taller de Novos Medios, Hacce Soluciones TIC, Lanaútica, Movendo, PéZcalo, Primate, Tagen Ata e Tesla Technologies. A iniciativa pretende dar unha resposta eficaz ás necesidades de comercio electrónico de todos os sectores produtivos, dende os negocios máis locais ata as industrias e grandes empresas. Durante o 2012, o comercio electrónico foi un dos eixos principais do traballo de Eganet, que mesmo chegou a ser elixida como entidade colaboradora do programa B2C de Red.es a finais de 2011.

Alén de unir os seus esforzos, as empresas que conforman este grupo teñen o obxectivo de conseguir proxectos de gran calado nos que traballar de forma colectiva, o que aumentará as súas capacidades individuais e terá como resultado produtos de máis calidade e variedade. Ademais, servirá como plataforma de divulgación dos beneficios que o comercio electrónico pode achegar ás empresas de todo o tecido produtivo galego. A creación do consorcio supón tamén unha mellora das posibilidades das empresas á hora de abordar proxectos máis aló de Galicia, a nivel estatal e internacional.

O voceiro do consorcio será Daniel Cerqueiro, de Galinus Taller de Novos Medios, que agarda que esta iniciativa "sirva de impulso ao comercio electrónico como canle preferente de comercialización de moitas empresas en Galicia".

 

Crecemento do comercio electrónico

O comercio electrónico non deixa de crecer en España, e faino a un ritmo moi elevado, incrementando a súa facturación en entre un vinte e un trinta por cento cada trimestre, a pesar da crise

O comercio electrónico non deixa de crecer en España, e faino a un ritmo moi elevado, incrementando a súa facturación en entre un vinte e un trinta por cento cada trimestre, a pesar da crise. Deste crecemento son responsables grandes empresas como eBay, El Corte Inglés, Amazon, BuyVip ou Privalia, pero tamén webs máis pequenas ou máis específicas, como Adzarus ou Doiser, centrado en pequenas empresas e autónomos.

Os expertos en comercio electrónico lembran que as webs que realicen vendas teñen que cumprir unha serie de requisitos e características: A páxina debe ser segura (https) e debe verse un candado pechado. Debe ofrecer todos os datos sobre a empresa e o produto. A entrega debe realizarse nos 30 días seguintes ao da compra se non se especifica outro prazo. Ademais, recomendan estar atentos á información que dá a web sobre o uso que fará dos datos persoais.

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.