Irlanda agarda a Luceiro, “pequeno, non zoupón”

Luceiro, a cría de lobo mariño recuperada pola Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) Dominio Público Xunta de Galicia

Este sábado, ao día seguinte da celebración do San Patricio, Luceiro, unha cría de lobo mariño cincento rescatada fronte a San Andrés de Teixido o pasado decembro, emprendeu viaxe cara ás costas de Irlanda e as augas do Gran Sol. A bordo do arrastreiro Ferreira Martínez, partiu do porto de Marín a primeira hora da mañá.

Un lobo mariño rescatado en decembro fronte a San Andrés de Teixido emprendeu este sábado viaxe, xa recuperado, cara augas do Gran Sol

“Pequeno, é pequeno, non zoupón; cualificalo de zoupón non sería xusto”. Así avaliaban desde a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) as dificultades iniciais de Luceiro para saír da auga e subirse a unha superficie fora dela no seu centro de Nigrán, onde principiou a súa recuperación logo de quedar enganchado fronte a San Andrés de Teixido nos aparellos dun pesqueiro do que tomou o nome.

Entre ese centro do Cemma en Nigrán e as instalacións do Instituto Galego de Estudos de Acuicultura (Igafa) na Illa de Arousa polas que pasou despois, Luceiro foi tratado das feridas na cabeza e nas aletas que presentaba cando foi recollido. Tamén se lle ensinou a comer e pescar por si só, a coller destreza para entrar e saír da auga e a gañar musculatura e peso ata os 33,5 quilos actuais. Ata que chegue ao seu destino nas augas de Irlanda, Luceiro contará a bordo do arrastreiro que o transportará cun depósito de auga salgada e comida suficiente para a viaxe.

Luceiro, este sábado en Marín antes de ser embarcado no arrastreiro que o levará ata o Gran Sal Dominio Público Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.