0 Gardados para despois

Unha adega experimental no campus para investigar os viños galegos do futuro

Redacción | @prazapublica

Unha adega en pleno campus de Lugo. É o proxecto que vén de poñer en marcha a Escola Politécnica Superior da USC coa vista posta nos viños galegos do futuro e nos profesionais do sector que se forman neste centro lucense en materias como Enoloxía, Enxeñaría de Procesos da Industria Enolóxica, Deseño e Xestión de Adegas oi viticultura.

O sector vinícola, explican dende a institución académica, está a acadar "unha crecente importancia" que vai parella ao desenvolvemento do Máster de Enxeñaría Agronómica da EPS. Nomeadamente, á súa especialidade de vitivinicultura, cuxo alumnado tamén poderá traballar de agora en diante nesta "adega experimental". Funcionará, explican, como un "laboratorio acaído para realizar elaboracións e investigacións diversas", así como para "prácticas de vinificación".

As novas instalacións, detallan, serán igualmente empregadas polos grupos de investigación do coñecido como Campus Terra. Este traballos, destaca a USC, abordan materias como a "elaboración de viños e sidras", o estudo de temperaturas de fermentación, o "envellecemento en carballo galego" de viños galegos -e de whisky irlandés- ou do xeito en que a rega ou o abono inflúen "na elaboración e calidade dos caldos".

No Campus Terra desenvólvense estudos ligados á elaboración de viños e sidras ou o envellecemento dos caldos en barricas de carballo galego

A adega experimental que xa está en marcha en Lugo, conclúen, ten tamén a intención de incrementar as ligazóns do estudantado "cun sector que en Galicia está en auxe", como "demostra a existencia de cinco denominacións de orixe" -Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro, Monterrei e Valdeorras- e outras tres "denominacións de Viños da Terra": Barbanza e Iria, Terra de Betanzos e Val do Miño-Ourense. Nestas denominacións, resaltan, cultívanse case 10.000 hectáreas de viñedos que producen unhas 50.000 toneladas de uva ao ano.

"Unha das características do sector vinícola de Galicia" é "a permanente aposta pola innovación", á que esta adega experimental procurará contribuír, din. Os galegos, aseguran dende o Campus Terra, son xa recoñecidos como viños "en constante evolución", que "responden a novos procesos de elaboración" como os que son estudados nestas novas instalacións académicas, caso "dos tostados, os viños de barrica ou os fermentados sobre lías".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.