0 Gardados para despois

Éxito de asistencia aos GPUL Labs, que buscan espallar a filosofía do software libre

Redacción | @prazapublica

Grupo de Programadores e Usuarios de Linux afincados na Facultade de Informática da UDC na Coruña lanzou o pasado ano os GPUL Labs, un conxunto de actividades de difusión e formación en tecnoloxía e cultura libre co obxectivo de espallar a filosofía do software libre. A iniciativa tivo un grande éxito, o que os animou a desenvolver neste 2017 unha segunda edición. Polo momento as catro primeiras charlas da segunda edición desta iniciativa encheron as súas 160 prazas. E agora prepáranse as novas actividades -obradoiros, conferencias e hackathons- que se celebrarán na Coruña e Compostela.

"O noso obxectivo é crear unha enorme e activa comunidade de Software Libre en Galicia e non imos parar ata conseguilo", destacan. Salientan que "tamén está a ser un éxito a cantidade de charlas propostas e a súa calidade", tendo actualmente pechadas unha actividade semanal ata a última semana do mes de xuño e contando con poñentes de gran nivel como Rafa Bermúdez (CTO do Grupo Aluman), Carlos Sánchez (membro da Apache Foundation e poñente en múltiples eventos internacionais) ou Oscar Miguel Bandín (CTO de Diariomotor), entre outros moitos.

 

Calendario

"O noso obxectivo é crear unha enorme e activa comunidade de Software Libre en Galicia e non imos parar ata conseguilo", din

Nesta segunda edición celebráronse xa os obradoiros Introdución a Raspberry PiIntro a Git e GitLab, Intro a JS e React e Groovy & Grails para programadores Java. Estas son as actividades programadas para as vindeiras semanas, ás que se poden incorporar novas citas, que poden ser propostas polas persoas interesadas nun tema específico:

  • 20 de abril (Viveiro de empresas Accede Papagaio, A Coruña): Escalando Jenkins con Docker: Swarm, Kubernetes ou Mesos
  • 26 de abril: (ETSE-USC): Intro a JS e React
  • 27 de abril (Facultade de Informática - UDC): Introdución a Elixir
  • 4 de maio (Papagaio): Wordpress de alto tráfico
  • 11 de maio (Facultade de Informática - UDC): Software Libre, concursos e TFG, Que me achegan?
  • 18 de maio (Papagaio): Post-introdución a React
  • Data por definir (Santiago de Compostela): Introdución a Raspberry Pi

 

Incrementando o éxito da primeira edición

GPUL Labs naceu o ano pasado co obxectivo de xuntar a desenvolvedores e membros da comunidade maker para aprender novas tecnoloxías e realizar proxectos reais de software integramente con Software Libre, contribuíndo á comunidade e adquirindo experiencia ao mesmo tempo. O evento foi un rotundo éxito durante os 3 meses que durou, nun total de 11 charlas sobre algunhas das máis modernas tecnoloxías libres impartidas por poñentes das máis punteiras empresas e asociacións do entorno galego así como nos 2 hackathons realizados dos que xurdiron máis de 10 proxectos diferentes. A repercusión dos GPUL Labs estendeuse por todo o territorio autonómico contando con máis de 450 asistentes, 3 sponsors internacionais e 8 empresas colaboradoras.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.