"Mozos e mozas usan as redes sociais de forma moi diferente en función do sexo"

Redes sociais empregadas polos mozos e mozas entrevistados no estudo © USC

O Taller Permanente de Novas Masculinidades e Cambio Social do Instituto de Ciencias da Educación da USC presentou este mércores as conclusións preliminares dun estudo sobre Redes sociais e dominación masculina, elaborado a partir dos cuestionarios respondidos por 634 adolescentes de Compostela de entre 12 e 17 anos. O obxectivo do estudo é reflexionar sobre “a construción de identidades de xénero ou como se aprende a ser home a través dos novos amos patriarcais que son as redes sociais”, tendo en conta que "as redes sociais posúen un gran poder socializador e particularmente cando se trata de conformar e reproducir identidades de xénero", sinalan os seus responsables.

Mozos e mozas comezan a usar as redes sociais de forma moi temperá (11 anos eles, 12 anos elas) e fano de forma case unánime nas idades estudadas (máis do 97%). Son moitas as aplicacións e redes empregadas, dende as máis globais Whatsapp, Facebook, Youtube ou Instagram, ata outras máis minoritarias ou nas a presenza da mocidade é moito máis destacada, como Snapchat.

Entre as conclusións ás que chegou o equipo responsable do estudo, dirixido polo profesor de Ciencias da Educación Jorge García Marín, está o feito de que "mozos e mozas usan as redes sociais de forma moi diferente en función do sexo". "As rapazas utilízanas para procurar información xeral, transmitir sentimentos ou acadar información sobre traballos escolares, ademais de para quedar coas amizades e subir fotos. Do outro lado, os rapaces aprovéitana para falar coa parella, xogar aos videoxogos, compartir imaxes persoais, coñecer xente nova, evitar o aburrimento e ligar", explica Jorge García.

"As redes poden acabar converténdose en mecanismo de control dos mozos sobre as mozas, a través da análise dos estados, de se está en liña, comprobando a última vez que se conectou..."

O docente destaca que á vista do estudo, "advertimos que o machismo na mocidade, lonxe de desaparecer, vai en aumento" e salienta que "as redes poden acabar converténdose en mecanismo de control dos mozos sobre as mozas, a través da análise dos estados, de se está en liña, comprobando a última vez que se conectou..." e que, ademais, "perpetúan algúns roles de xénero moi negativos". O estudo tamén sinala outros perigos, coma "a posibilidade de ser vítimas de chantaxes ou a suplantación da identidade". 

No cuestionario preguntábase aos rapaces e rapazas se eles e elas observaban na súa contorna estes e outros comportamentos negativos, sinalando nas súas respostas "insultos", "actitudes de control", "ameazas" ou "burlas" comos os máis frencuentes, sinalados por máis do 30% das respostas e máis do 40% no caso das burlas. "Preferimos non preguntar de forma directa se eles ou elas eran vítimas ou responsables desas prácticas. Se fas esta pregunta de forma directa, corres o risco de que eles mintan ou, simplemente, que non recoñezan en si mesmos e mesmas ese comportamento, aos igual que cando ti lle preguntas a unha persoa se é racista: a inmensa maioría dirá que non, aínda que o sexa", explica Jorge García.

"Os mozos son menos conscientes dos perigos que existen nas redes sociais, seguramente porque son as rapazas quen sofren máis estes perigo", di.

O profesor explica tamén que "atopamos igualmente unha gran diferenza en canto á percepción sobre os riscos que existen no uso das redes sociais", sendo moi superior esa percepción dos riscos nas rapazas e moi inferior nas rapazas. "Os mozos son menos conscientes dos perigos que existen nas redes sociais, seguramente porque son as rapazas quen sofren máis estes perigo", di.

O equipo considera, finalmente, que "cómpre establecer algún tipo de observatorio para estarmos atentos a ese inmenso mundo que se move nas redes sociais, e que escapa a educadores e pais e nais". "Hoxe é imposible imaxinar un mundo no que os rapaces e rapazas non estean metidos nos seus móbiles e nas redes sociais, pero as familias e os e as mestras poden acompañalos e acompañalas, asesoralos, advertir dos perigos e das malas prácticas e tamén poñer límites onde haxa que poñelos", din. De forma semellante Javier Pedreira Wicho afirma en Los nativos digitales no existen. Cómo educar a tus hijos para un mundo digital que os mozos e mozas carecen de ferramentas fundamentais para moverse nas redes sociais e en Internet e fai un chamamento a familias e docentes a acompañalos na relación que establecen coas novas tecnoloxías.

"Hoxe é imposible imaxinar un mundo no que os rapaces e rapazas non estean metidos nos seus móbiles e nas redes sociais, pero as familias e os e as mestras poden acompañalos e acompañalas"

O grupo de investigadores e investigadoras fai un chamamento, tamén, a continuar a investigación noutras idades, nun ámbito maior e con outras técnicas de investigación, por exemplo os grupos de debate. “É necesario profundar nesta realidade a través dun estudo máis amplo analizando o uso concreto de determinadas redes sociais -cuantitativo e cualitativo- no ámbito autonómico que permita delimitar con máis claridade aspectos cruciais da dominación masculina", salienta Jorge García. Na actualidade programas coma Suprime o Control, da Deputación da Coruña, traballan en liñas semellantes, incluíndo tamén a realización de enquisas para coñecer a percepción do machismo nestas idades e incorporando un concurso en Instagram (Instagram sen machismo?) ou unha asesoría Whatsapp.

 

Presentación do estudo, esta mañá en Compostela © USC
Redes sociais empregadas polos mozos e mozas entrevistados no estudo © USC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.