"O mellor 'think tank' que teñen as administracións son as universidades e non sempre o utilizan"

Presentación de BETA+, este venres en Compostela © USC

Este venres presentouse en Compostela a Agrupación Estratéxica BETA+, conformada por 19 grupos de investigación de toda Galicia. O obxectivo deste ambicioso proxecto, que busca converterse nun polo de atracción de recursos e investigadores é afondar no estudo do territorio e a sociedade galega desde un punto de vista produtivo e ambiental. 

Os 19 grupos traballarán en materias de bioeconomía, emprendemento, territorio e medio ambiente, facendo fincapé na dimensión territorial dos procesos demográficos e das actividades produtivas e no aproveitamento e conservación dos recursos naturais e culturais. Compartirán coñecemento, persoal e proxectos, "facendo xuntos o que non podemos facer sós", destaca o catedrático de Historia Contemporánea Lourenzo Fernández Prieto, un dos seus dous coordinadores, xunto coa profesora de Economía María Loureiro.

"Non hai nada máis práctico que unha boa teoría", destaca Fernández Prieto. “Non queremos só resultados publicables, senón transmitilos á sociedade e ir mellorando o noso territorio, traballar para o benestar na xente. Interésanos o impacto social do coñecemento e a demanda social dese coñecemento, poñer en valor o que xa sabemos. Temos moito coñecemento teórico mal aplicado, mal aplicado porque ou ben non conectamos cos demandantes ou porque os demandantes non saben o que ofrecemos", salienta, para concluír que "o mellor think-tank que teñen as administracións son as universidades e non sempre o utilizan".

"Non hai nada máis práctico que unha boa teoría. Temos moito coñecemento teórico mal aplicado porque ou ben non conectamos cos demandantes"

“O despoboamento, o uso racional de recursos naturais e culturais en beneficio da comunidade e da súa cohesión e benestar e a responsabilidade social e ambiental son algúns dos asuntos chave da nosa sociedade, que esta agrupación pretende enfrontar e sobre as que quere achegar solucións concretas”, sinala. "Os grandes problemas que ten a sociedade e a economía galegas son problemas universais, con respostas específicas que hai que dar aquí pero con elementos universais de coñecemento", comenta.

"Os grandes problemas que ten a sociedade e a economía galegas son problemas universais, con respostas específicas que hai que dar aquí pero con elementos universais de coñecemento"

"No mundo de hoxe hai que construír polos de investigación e de traballo. Trátase de ser multidisciplinares, pero tamén interdisciplinares, de facer cousas entre nós e de facer cousas que por separado non poderiamos facer. Estas cousas van dende retos de investigación ata conseguir máis financiamento", explica Fernández Prieto.

Os 19 grupos están compostos por uns 170 investigadores e investigadoras e, por exemplo, os 16 que corresponden á USC suman o 18% dos recursos captados pola universidade compostelá, o 17% de teses lidas, o 60 % dos contratados Ramón y Cajal, o 30% dos Parga Pondal e o 50% dos Marie Curie. Un enorme potencial que con esta agrupación se quere intensificar. “As universidades galegas tamén se están avellentando. Hoxe estamos producindo xente para fóra, estamos formando investigadores que acaban marchando. Por iso queremos ser un polo de atracción de coñecemento, queremos que a xente non se vaia e queremos atraer a xente que xa está fóra e iso só o consegues cun gran polo de investigación”, conclúe.

 

 

19 grupos

"Queremos que a xente non marche e queremos atraer a xente que xa está fóra e iso só o consegues cun gran polo de investigación”

BETA+ está formada polos grupos da USC Análise Económica dos Mercados e Institucións (AEMI); Análise territorial (ANTE); Construción sustentábel para o medio rural e natural (COSMERUN); Economía Agroalimentaria e Medioambiental, Desenvolvemento Rural e Economía Social (ECOAGRASOC); Analise xurídico-económica (ECOIURIS); Estudos dos sistemas culturais (GALABRA); Análise e Modelización Económica (GAME); Estudios de Historia Empresarial e Sectorial. Pesca, Industria e Comercio (GESPIC); Historia moderna (HISTORIA MODERNA); Proxectos e estudos sobre patrimonio cultural (IACOBUS); Historia política e dos nacionalismos (HISPONA); Historia agraria e política do mundo rural (HISTAGRA); Historia de América (HISTAMÉRICA); Síncrisis, Investigación en Formas Culturais (SIFC - SINCRISIS); Valoración financeira aplicada (VALFINAP); Métodos cuantitativos e xestión de empresas agroalimentarias (MÉTODOS E XESTIÓN DE EMPRESAS); Proxectos e Planificación (PROEPLA); e Territorio, Biodiversidade (LABORATE). Completan a agrupación o Grupo de Estudos Territoriais (GET) da UDC, o de Investigación en Economía Ecolóxica, Agroecoloxía e Historia (GIEEA) da UVigo, e o de Sistemas de Produción e Calidade do Leite de Vacún de CIAM-Mabegondo.

 

Presentación de BETA+, este venres en Compostela © USC
Presentación de BETA+, este venres en Compostela © USC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.