Galicia ten o Internet máis lento de todo o Estado

% de fogares con acceso a velocidades superiores a 10 Mbps Dominio Público Praza Pública

O último informe do Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital sobre cobertura de banda larga non permiten falar con optimismo da calidade da conexión a Internet en Galicia, que presenta a velocidade máis lenta de todo o Estado. Mentres que no conxunto de España case o 90% dos fogares teñen acceso a unha conexión de de 10 Mbps ou máis (datos de mediados do 2016), en Galicia esa porcentaxe fica no 70%, lonxe non só de Madrid (98%), Euskadi (95%) ou Cataluña (92%), senón tamén de Asturias (83%) ou Castela-León (85%) e mesmo da segunda comunidade con peor conexión (Canarias, 80% de fogares velocidades por riba dos 10 Mbps).

As catro provincias galegas (Lugo: 61,48%, Ourense: 66,57%, Pontevedra: 70,63% e A Coruña: 73,93%) pechan a clasificación, con valores inferiores mesmo aos de Teruel (77,22%), León (79,89%), Soria (79,98%) ou Zamora (80,29%).

A evolución dende o 2015 amosa un moi lento crecemento en Galicia (no primeiro trimestre dese ano o 66,5% dos fogares accedían a velocidades superiores 10 Mbps). Nese momento a media española era do 84,78%, polo que a fenda entre Galicia e a media estatal mesmo se fixo máis ampla no último ano e medio.

GCiencia lembraba este xoves que o obxectivo da Axenda Dixital Europea é que no ano 2020 toda a poboación da UE teña unha velocidade de conexión a Internet superior aos 30 Mbps, unha meta que semella difícil de acadar en Galicia e no Estado español. Neste momento o 61,27% dos fogares galegos poden acceder a ela, 13 puntos por debaixo da media española (74,95%). Iso si, neste caso Galicia non é o territorio con peores datos, superando a Estremadura e Castela-A Mancha.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.