"A era dixital vai supoñer un plus para o galego"

O evento pechouse cun coloquio con cinco expertos e expertas en redes sociais © Universidade de Vigo

A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra acolleu este xoves o "Día das Redes Galegas", unha xornada de debate sobre a situación do galego nas redes sociais, buscando afondar na importancia destas plataformas e nos cambios que están a provocar no sector da comunicación e, igualmente, co obxectiv ode “dignificar as redes sociais, as redes en galego e a figura do community manager”, como salientou o seu organizador, o profesor Xabier Martínez Rolán.

No coloquio participaron catro novos e novas profesionais, expertos e expertas no manexo e xestión de plataformas dixitais e que, ademais, licenciáronse nesa mesma facultade apenas uns anos antes. Tratábase de María Pérez Justo, client account manager en Twitter España; Marcos Gómez, responsable de outbound márketing de Elogia; Arancha Vilas, coordinadora de márketing e comunicación de Elephone Spain, e Cristina Rey, responsable de Comunicación Dixital en Mekkdes. 

Pérez Justo subliñou que "por suposto que o galego ten cabida nas redes", salientando que "a era dixital vai supoñer un plus para o galego"

Na actualidade a importancia social e o peso comunicativo das redes sociais é innegable. O 86% dos e das internautas de entre 16 e 65 anos, preto de 19 millóns en España, son usuarios e usuarias de redes sociais, segundo o informe publicado por IAB Spain neste 2017. “A comunicación hoxe en día non se entende sen a relación coas redes sociais”, destaca María Pérez Justo, que engade que "non podemos vivir alleos ao que se discute nas redes sociais. Están aí, forman parte da nosa vida".

Esta importancia dáse no caso das empresas e marcas comerciais ("Twitter é hoxe fundamental para todo tipo de comunicación corporativa. Son canles de atención ao cliente e ofrecen unha gran capacidade de segmentación, de poder chegar directamente aos teus usuarios", dixo), das institucións e tamén das linguas, por exemplo. "Do penso, logo existo, pasamos ao se estou nas redes sociais existo, e se non estou non existo", dixo. En canto á situación do galego, Pérez Justo subliñou que "por suposto que o galego ten cabida nas redes", salientando que "a era dixital vai supoñer un plus para o galego". "As plataformas comunicativas dixitais permítenme estar informada tanto a nivel global coma do que pasa ao lado da miña casa" , engadiu.

Paulo Cabral destacou que “nas redes sociais hai moita vida e afastarse delas implica perder opcións”, facendo fincapé na oportunidade que estas plataformas supoñen á hora de “estender o uso da lingua a todos os ámbitos”

O mesmo afirmou Paulo Cabral, director da Área de Normalización Lingüística (ANL) da Universidade de Vigo, que subliñou que “nas redes sociais hai moita vida e afastarse delas implica perder opcións”, facendo fincapé na oportunidade que estas plataformas supoñen á hora de “estender o uso da lingua a todos os ámbitos”, así como de “configurar a imaxe que os demais teñan de nós, sexa individualmente, sexa como pobo”. Nese mesmo senso, o decano da Facultade, Xosé Baamonde, salientou que “temos a responsabilidade de decidir que queremos facer co galego, se queremos unha lingua ritual ou unha lingua viva”. O secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, pola súa banda, salientou que se ben o galego “e outras linguas minoritarias en Europa chegaron tarde a moitas citas, hai unha á que chegou en igualdade de condicións, internet, onde está desde o primeiro dia" e onde, non obstante, “ten que competir con grandes sistemas de comunicación”. Malia a todo, García amosouse igualmente optimista.

Arancha Vilas lamentou que “semella que na actualidade calquera pode levar a cabo tarefas de xestión das redes sociais”

Finalmente, na xornada tamén se fixo incidencia na "importancia de contar con profesionais formados neste eido". Arancha Vilas lamentou que “semella que na actualidade calquera pode levar a cabo tarefas de xestión das redes sociais”, chamando a atención sobre os efectos negativos dunha mala presenza ou actuación nas redes sociais. "Requírese de profesionais con perfís polifacéticos, cunha visión estratéxica dun sector no que “cada día pode haber unha xestión de crise que hai que non só que solucionar senón tratar de que remate en positivo para a marca ou institución que se xestiona”, destacou.

 

De esquerda a dereita, Rolán, Pérez, Rey, Martí, Vilas, Baamonde e Gómez © Universidade de Vigo
Inauguración da xornada © Universidade de Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.