Dous alumnos do campus de Ferrol, premiados nun certame estatal de robótica

Cartel da 'Invasion Day', I Feira Tecnolóxica de Ferrol © Concello de Ferrol

Pablo López e Antonio Regueira, estudantes do terceiro curso do Grao en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática na Escola Universitaria Politécnica de Ferrol obtiveron hai uns días dous premios no I Desafío ASTI Robotics, un certame de ámbito estatal que tivo lugar en Burgos, competindo con outros 150 participantes encadrados en 24 equipos. López e Regueira acadaron o Premio ao Mellor Robot como Produto e o Premio ao Mellor Equipo Universitario.

Ao remate desta noticia pode verse o seu vídeo de presentación.

 

'Invasion Day', Feira Tecnolóxica polas rúas da cidade

Ferrol acollerá este sábado a I Feira Tecnolóxica da cidade, denominada Invasion Day. O evento, coorganizado pola ACC Ferrol A Madalena, a Asociación de Empresarios de Hostalería de Ferrol e Comarcas, coa colaboración de Espazo Vivo e Trainnova e o pulo do Concello de Ferrol, busca converter a urbe nun referente galego no fomento e visibilización das novas tecnoloxías e robótica aplicadas á educación, aproveitando a especialización do seu campus universitario en carreiras técnicas e de enxeñaría.

Por todo o barrio da Magdalena, en horario de 11 a 14 e de 17 a 20 horas, haberá carpas imitando as naves alieníxenas desta figurada invasión. En cada nave exporanse diferentes ferramentas tecnolóxicas como Impresión 3D, Minecraft, Robótica, Programación de Videoxogos 3D e haberá un espazo no que os presentes poderán gozar das creacións dalgúns mozos inventores da comarca ou de carreiras de drons.

A Nave Robótica Lego amosará, por exemplo, diferentes posibilidades que ofrecen as montaxes de robótica con Lego. Nela poderanse manipular algún deles, así como comprobar as numerosas vantaxes didácticas que ofrece traballar con esta ferramenta en idade escolar. Os interesados e interesadas en ampliar coñecementos sobre o mundo da robótica, poderán dirixirse á Nave Robótica Arduinoxa que con esta ferramenta trabállase con compoñentes electrónicos básicos como placas base, conectores ou sensores propios da robótica máis avanzada.

Haberá tamén postos para aprender a programar, a crear en 3D, para probar lentes de realidade Virtual, Xogar coa Realidade Aumentada, impresoras 3D funcionando e diversas pezas e prototipos.

Cartel da 'Invasion Day', I Feira Tecnolóxica de Ferrol © Concello de Ferrol
Distribución das distintas actividades polas rúas do centro da cidade Dominio Público Concello de Ferrol

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.