0 Gardados para despois

O deserto da televisión local: Unha ducia de canles emite nas 57 frecuencias concedidas

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


En xullo de 2005 o derradeiro goberno de Manuel Fraga, xa en funcións, aprobou a concesión das dúas licenzas de televisión dixital terrestre (V Televisión e Popular TV). En 2006 o bipartito PSdeG-PSOE/BNG concedeu 46 licenzas de TDT local, completadas en 2014 con outras 20. Máis dunha década despois poderíamos estar a falar dun rico ecosistema mediático en Galicia, tendo en conta ademais que as empresas beneficiadas polas concesións prometían nas súas ofertas un investimento total de 142 millóns de euros e a creación de 1.700 postos de traballo.

Porén, a realidade é moi distinta: unha das dúas canles autonómicas (Popular TV) pechou en 2013 e a outra (V Televisión) funciona con menos de 30 traballadores, fronte aos 148 que prevía no seu proxecto inicial, e leva anos reducindo a súa dimensión e equipo. Algo semellante sucede na televisión local. Se o PP fora moi criticado por concederlle á televisión da Conferencia Episcopal unha das dúas licenzas de emisión de ámbito autonómico, o reparto levado a cabo polo Executivo presidido por Emilio Pérez Touriño beneficiou especialmente ás empresas editoras de prensa impresa, o que nas cidades foi moi prexudicial para algunhas canles locais que levaban anos emitindo e con boa implantación local (Televigo, Telecoruña, Código TV, Ferrol TV...).

A oferta privada limítase a Ferrol TV, Canal Rias Baixas, TV27 Barbanza, Correo TV, Santiago TV, Televinte, Telelugo, Telemiño, Auria TV, Nós TV, Vía TV e Localia Vigo

Faro de Vigo, La Capital ou La Opinión nunca chegaron a poñer en marcha as súas canles. Outras empresas, como Telelugo (El Progreso) si manteñen as súas emisións, pero só con dous traballadores no seu cadro de persoal, unha difícil situación que tamén viven outros medios, como Correo TV (El Correo Gallego). No caso de Localia, que chegou a contar con media ducia de canles en Galicia, a súa venda por parte de PRISA en 2009 levou ao peche de todas agás de Localia-Vigo, que mantén a súa emisión pero cunha importante redución do seu cadro de persoal.

O resultado é que cidades como A Coruña non contan con ningunha canle propia, o mesmo que outras moitas comarcas. Noutros casos, a oferta limítase a unha reemisión dende outras canles, con nulo contido local. Partindo dun total de 58 licenzas de emisión comarcal, a oferta privada limítase a Ferrol TV, Canal Rias Baixas, TV27 Barbanza, Correo TV, Santiago TV, Televinte, Telelugo, Telemiño, Auria TV, Nós TV, Vía TV e Localia Vigo

 

Empresas incumpridoras

As empresas beneficiadas por aquel concurso prometeron un investimento de 42 millóns de euros e a creación de 1.500 postos de traballo, dúas previsións largamente incumpridas

O Informe da Comunicación realizado polo Consello da Cultura Galega en 2010 recolle as promesas de investimento e emprego realizadas polas empresas beneficiadas pola concesión de licenzas de emisión de ámbito local e autonómico. Os 97 millóns de euros e 148 empregos prometidos por V Televisión e os 2,3 millóns e 40 postos de traballo de Popular TV sempre ficaron moi lonxe da realidade. Malia a todo, a Xunta vén negándose a rescatar as dúas licenzas e xa por dúas veces (en 2014 e 2017) ampliou o prazo que as dúas concesionarias teñen para cumprir co establecido no concurso que gañaron en 2005.

Na TDT de ámbito local, os compromisos das empresas beneficiarias foron tamén amplamente incumpridos. Localia-Cadena Ser (9,8 millóns de euros e 420 empregos), Prensa Ibérica (8,5 millóns e 294 empregos), El Ideal Gallego (7,2 millóns e 312 empregos), El Correo Gallego (4,8 millóns e 217 empregos) ou La Región (3 millóns e 116 empregos) hoxe non emiten ou teñen unha dimensión moi pequena.

Demarcación Licenzas concedidas Emisións actuais (información de www.tdt1.com)
Carballo La Opinión de La Coruña, S.L. (renunciou), Editorial La Capital, S.L., Salitre Multimedia e Onda Hit S.L. Sen emisión
A Coruña La Opinión de La Coruña S.L., Editorial La Capital S.L. e Utega S.A. Sen emisión
Ferrol La Opinión de La Coruña S.L. (renunciou), Editorial La Capital S.L., Radio Coruña S.L. (anuladas polo TSXG en 2009, nunha sentenza que o TS deixou sen efecto en 2014) e Luis Guntiñas Núñez (Agencia Audiovisual Gallega de Comunicación S.L.) Ferrol TV (Agencia Audiovisual Gallega de Comunicación S.L.)
Ribeira Editorial Compostela S.A., Multimedia Comunicaciones e TV Mancomunidade do Salnés 7 Canal Rias Baixas (TV Mancomunidade do Salnés) e TV27 Barbanza (Multimedia Comunicaciones) en probas
Santiago Faro de Vigo, S.A.U., Compostelavisión S.L. e Editorial Compostela S.A. Correo TV (Editorial Compostela S.A.) e Santiago TV (Compostelavisión S.L.), que na actualidade só reproduce a programación de Intereconomía TV
Vimianzo Editorial Compostela S.A., Antonio Jorge Campos e Audiovisuales Sogavi S.L.U. Sen emisión
As Pontes Audiovisuales Sogavi S.L.U. e Canal 26 TV Carballiño Sen emisión
Chantada Chantada Comunicación S.L. e Materiales Eléctricos Disgetec S.L. Televinte (Chantada Comunicación S.L.)
Lugo Telelugo El Progreso de Lugo S.L., Utega S.A. e Alternativas de Medios Audiovisuales Telelugo
Monforte Telelugo El Progreso de Lugo S.L., Telemiño S.A. e TV7 Monforte S.A. Sen emisión
Vilalba Telelugo El Progreso de Lugo S.L., TV7 Monforte S.A. e Audiovisuales Sogavi S.L.U. Sen emisión
Viveiro Telelugo El Progreso de Lugo S.L. e Materiales Eléctricos Disgetec S.L. Sen emisión
O Barco de Valdeorras Telemiño S.A. e Materiales Eléctricos Disgetec S.L. Sen emisión
O Carballiño Telemiño S.A., Materiales Eléctricos Disgetec S.L. e Canal 26 TV Carballiño Sen emisión
Ourense Telemiño S.A., Faro de Vigo S.A. e Utega S.A. Telemiño e Auria TV (na frecuencia concedida a Utega S.A.)
Verín Telemiño S.A. e Materiales Eléctricos Disgetec S.L. Sen emisión
Lalín Editorial Compostela S.A., Multimedia Comunicaciones e Deza Visión S.A. Nós TV (Deza Visión)
Ponteareas Rías Baixas de Produción, Josefa López Pousa e Eurorexión Sinerxia S.L. Via TV (Josefa López Pousa)
Pontevedra Faro de Vigo S.A.U., Lérez Canal 29, S.L. e Televisión Pontevedra (anuladas por sentenza do Tribunal Supremo en 2009). Televisión Mancomunidade do Salnés S.L, Utega S.A. e Vigo RTV Digital Local S.L.U. Canal Rías Baixas (Televisión Mancomunidade do Salnés S.L)
Vigo Faro de Vigo S.A.U., Utega S.A. e Rías Baixas de Produción Localia Vigo (Utega S.A.)
Vilagarcía de Arousa Lérez Canal 29 S.L. (renunciou), Televisión Mancomunidade do Salnés S.L. e Editorial La Capital S.L. (renunciou), Vigo RTV Digital Local S.L.U. e Lidia Nodar Suárez Canal Rias Baixas (Televisión Mancomunidade do Salnés S.L.)

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.